Artigo enviado para a revista: PONTEVEDRA. REVISTA DE ESTUDIOS PROVINCIAIS

 

 

RESUMO: As investigacións sobre os petroglifos prehistóricos de Galicia seguen a centrarse en marcos cronolóxicos e temáticos moi diferentes segundo os autores que aborden os estudios. A denominación desta arte aínda non chegou a un acordo de mínimos entre os investigadores que lle permita á sociedade un acceso a información dun xeito claro. Os petroglifos, pola súa temática, e por estar presentes nun momento que abarca desde o megalitismo ata a Idade de Ferro, posibilitan unha grande cantidade de hipóteses para abordar o seu coñecemento. Novas datacións cronolóxicas baseadas en Carbono 14 apuntan cara unha cronoloxía que entra en contacto coa Idade de Ferro. Sen embargo, o contexto dos petroglifos non parece encaixar con esas datas.

 

 

 

 

VÍA CRUCIS DOS PETROGLIFOS: ENTRE O MEGALITISMO E A CULTURA CASTREXA

 

 

Miguel A. Sartal Lorenzo[1]

 

 

Os petroglifos prehistóricos de Galicia representan unha das realidades arqueolóxicas máis senlleiras do noroeste peninsular. En torno a eles foron moitos os estudios e escritos que se fixeron e se están a facer. Nas últimas décadas as investigacións sobre esta temática prehistórica colleron maior énfase, tal e como se pode observar nas variadas publicacións que saíron ó mercado nos últimos anos. Da lectura de todas elas pódese destacar a existencia dunha certa aprobación sobre as bases cronolóxicas e culturais desta arte rupestre, que estarían centradas na Idade de Bronce como contexto central, se ben con posturas que fan fincapé nas primeiras etapas desa época, e outras que incluso van máis alá e relacionan a arte rupestre con momentos finais do megalitismo. Sen embargo, esta aparente aceptación cronolóxica está a ser revisada desde algúns ámbitos, que toman posicións similares a outras que xa se deron anos atrás, como son as teorías vertidas por Anati no seu momento[2].

            O achegamento ó mundo dos petroglifos faise desde moitos ámbitos e por diversos motivos: desde investigacións que nos tentan achegar as claves interpretativas do simbolismo que encerran, ata os estudios sobre a sociedade que os fixo e a búsqueda dos seus asentamentos. As conclusións deses estudos non sempre son coincidentes, habendo nalgúns casos discusións entre as diferentes posturas. Unha destas diferencias tivo un episodio en xaneiro de 2006, a teor dunha publicación na que se incluía unha nova cronoloxía e entendemento desta arte prehistórica, que fixo reaccionar a algúns estudosos, e coas que se puxo de manifesto as dúas formas máis preponderantes de entender eses gravados no mundo da investigación galega: por una lado están aqueles que consideran a arte rupestre da prehistoria en Galicia baixo o nome de Grupo Galaico de Arte Rupestre (Peña Santos et alii, 1998: 229-231) e, por outro, aqueles encabezados por Santos Estévez que propoñen unhas características da arte rupestre que este autor denomina co termo de Arte de Estilo Atlántico (Santos, 2005a, 2005b).

            O desencadeante desta discusión foi o artigo titulado “Sobre la cronología del arte rupestre atlántico en Galicia”[3], da autoría de Manuel Santos Estévez, publicado na revista electrónica Arqueoweb, no cal se apuntan interpretacións cronolóxicas para a arte rupestre prehistórica de Galicia ó aire libre ó socairo dos resultados obtidos dunha serie de intervencións arqueolóxicas que tiveron lugar en Campolameiro (Pontevedra).

A lectura dese artigo pode deixar un pouso de incertidume en torno ós petroglifos, porque as conclusión presentadas rompen un pouco con algunhas das teorías que máis se asumen na actualidade, e incluso algúns dos argumentos poden resultar incómodos, como así foi. O 23 de xaneiro de 2006 recibiuse no foro de Arqueoweb unha réplica a ese artigo de Santos Estévez frmada por Costas Goberna, Fábregas Valcarcel, Guitián Castromil, Guitián Rivera, e Peña Santos. Nesa resposta poñíanse en dúbida moitas das propostas presentadas por Santos Estévez. É de supoñer que a direccion de Arqueoweb tomou cartas no asunto, e así debemos entender que no número 8 (1) desta revista electrónica aparecesen dous artigos que seguían a tratar esta cuestión. O primeiro deles, titulado “Panorámica sobre el arte y el paisaje. El final de la ilusión (réplica a Manuel Santos Estévez)” de Costas Goberna et alii, viña a ser un desenvolvemento da réplica que se publicara no foro desa revista en xaneiro de 2006. O segundo artigo titulado “Respuesta a la réplica presentada por Costas Goberna, Fábregas Valcarce, Guitián Castromil, Guitián Rivera y de la Peña Santos” da autoría de Santos Estévez et alii, era a contestación a aquela mesma réplica do foro. Con eses artigos poñíanse máis claras as posturas que uns e outros adoptan frente a realidade dos petroglifos galegos de época prehistórica.

O artigo que aquí presentamos tenta ser unha aportación a esa discusión dos gravados rupestres, e ten a súa orixe na lectura do artigo Santos Estévez que estamos a citar, o cal nos fixo reflexionar sobre a perspectiva quen el nos propón, que choca cos coñecementos que sobre a arte rupestre adquirimos nos últimos anos.

 

 

         Denominación e cronoloxía da arte rupestre prehistórica de Galicia

           

Santos Estévez utiliza a denominación de Estilo Atlántico para referirse ós gravados rupestres dos que estamos a falar. Dísenos que este estilo «é posible localizalo dende o norte de Portugal ata Escocia, incluíndo Galicia, Irlanda e o norte de Inglaterra. Nunha primeira aproximación identifícase por presentar gravados en pedra de sucos xeralmente moi erosionados e moitas veces de difícil lectura. Os deseños máis representativos son os xeométricos, especialmente as combinacións circulares e as coviñas, aínda que en Galicia e Portugal tamén se documentan representacións de armas, cuadrúpedes e figuras humanas (Santos 1998, Santos e Criado 1998)» (Santos 2005), e a continuación preséntasenos unhas características formais onde as figuras naturalistas (que só aparecen no norte de Portugal e en parte de Galicia) son as que parecen marcar este estilo (Santos, 2005a: 40-44).  A denominación de estilo atlántico parece ser unha alternativa ó que moitos estudiosos galegos denominan Grupo Galaico de Arte Rupestre. Éste vén sendo outro dos conceptos empregados para referirse ós gravados rupestres prehistóricos de Galicia, e co cal moitas persoas se serviron para coñecer e divulgar esa forma de expresión. Esta última denominación aproxímase a ese feito cultural caracterizando o soporte, a localización, a forma dos gravados e a súa conservación, principalmente (Peña Santos; Rey García, 1998: 230-231).

Dúas formas de denominar unha mesma realidade, tan distintas e tan lonxanas unha da outra, que incluso os que utilizan unha das denominacións non nomean á contraria (Santos, 2005a), algo que obriga a queles que non están nun contacto continuo coa vangarda dos estudios sobre esa manifestación a intentar descifrar a qué se refire o autor que escribe. Polo tanto, se a ciencia quere chegar á sociedade e saír do seu castelo deberíase facer un esforzo por tentar facelo por camiños que teñan as mesmas indicacións, senón corremos o risco de perdernos por carreiros que nos levan á confusión.

Sen dúbida a cuestión do nome é algo que se debería abordar e chegar a unha posible solución, ou polo menos a clarificar do que se está a falar tendo en conta ás outras denominacións. Este non debería ser un dos escollos máis grandes para chegar ó entendemento. Outra cousa é a cronoloxía, amplamente discutida e cun gran abano de posibilidades, aínda que a maioría dos autores parece coincidir que é a Idade de Bronce o lugar central da arte rupestre ó aire libre. Sen embargo, co denominado Estilo Atlántico apórtase unha cronoloxía bastante diferente pois, segundo Santos Estévez, e como conclusión ós resultados das escavacións en Campolameiro, teriamos

 

«un primer grupo de temática exclusivamente armamentística muy posiblemente realizados durante el Bronce Inicial, aunque es difícil saber hasta cuando estuvieron en vigencia; y un segundo grupo con escenas de caza, monta, laberintos y paletas realizados entre el siglo IX-VIII y el V-VI a.C. Es decir, que básicamente este segundo grupo sería coetáneo a la ocupación de los castros más antiguos del noroeste. De ser cierta esta propuesta cronológica, estaríamos ante un panorama iconográfico y cronológico muy similar al definido para la zona de Valcamónica, donde en la Edad del Bronce tenemos composiciones dominadas por la presencia de armas en paneles verticales y un segundo grupo más narrativo, con escenas, de caza de ciervo, paletas y laberintos pertenecientes a la Primera Edad del Hierro» (Santos Estévez, 2005b)

 

Ademais, Santos Estévez parece observar os estudios dos petroglifos dentro dun ámbito global, dándolles a estes maior independencia e personalidaade frente á sociedade que os orixinou, como se foran elementos estáticos dunha época, que serían utilizados por aquela sociedade que lle tocou vivir no ámbito cronolóxico que indican os petroglifos:

 

«A excepción de las representaciones de armas, la única conexión entre el Arte Rupestre Atlántico y la Edad del Bronce era la coincidencia cronológica; pero curiosamente, al retrasar las fechas de comienzo de la Edad del Hierro y por lo tanto adelantar el fin de la Edad del Bronce, los petroglifos, como por un vínculo invisible, siguieron fieles a los avatares de la cronología de la Edad del Bronce, es decir, si en 1980 la cronología de los grabados se enmarcaban entre el 2500 y el 500 a. C. a finales de los 80 la cronología oscilaba entre el 2500 y 800 a.C. si se consideraba que el fenómeno estaba asociado a la aparición de la primera metalurgia en el Calcolítico, o entre el 1800 y 800 a.C. si se vinculaba exclusivamente a la Edad el Bronce» (Santos Estévez, 2005b)

 

Parece que neste texto se deixa entrever que os petroglifos son como “marcos” fixos. Sen embargo non posuímos datacións absolutas sobre eles, e as cronoloxías ás que se refire Santos Estévez son cambiantes porque van asociadas a unha cultura, a un contexto, e por iso se interpretan en función da sociedade que os creou. Así, os investigadores que elixen a denominación de Grupo Galaico de Arte Rupestre consideran a producción dos gravados en relación a unha sociedade determinada do Noroeste Peninsular. Os petroglifos terían explicación dentro da sociedade que os creou, dentro dunha determinada cultura. Coñecendo a cultura e a estructura social do momento poderíanse entender adecuadamente os petroglifos, que son o seu resultado. É razoable, polo tanto, pensar que se a cultura que fixo os petroglifos habitou estas terras 300 anos antes do que se pensaba nos anos oitenta do século XX, a cronoloxía dos mesmos se vexa retrasada. Isto resulta lóxico se a cronoloxía dos petroglifos vén dada pola sociedade á que se adscriben, que é o que se veu facendo desde hai tempo. Considero que as aproximacións que fan os autores que apoian a tese do Grupo Galaico de Arte Rupestre parten dunhas bases válidas. Outra cousa sería o desenvolvemento das mesmas e as conclusións ás que se chegan. Parécenme válidas porque tentan explicar a estrutura social que produciu os gravados rupestres, as pautas e similitudes na localización, o soporte no que están, as relacións existentes entre os diferentes paneis e motivos, o grao de desgaste dos mesmos... tentando lograr unha coherencia e unhas similitudes que indiquen un mesmo uso nun determinado momento e non en outro, por unha de terminada sociedade e cultura e non por outra.

 

 

Armas metálicas, paletas, labirintos e esceas de equitación

 

No artigo de Santos Estévez publicado na revista Arqueoweb refútanse os argumentos cronolóxicos expostos por aqueles que entenden ós gravados rupestres dentro do Grupo Galaico de Arte Rupestre. Un dos primeiros argumentos utilizados ten que ver coas armas metálicas, que para Santos Estévez non formarían parte do Estilo Atlántico por no apareceren asociadas coas combinacións circulares ou zoomorfos nos paneis. De ser isto certo, xa que hai argumentos contrarios (Costas Goberna et alii, 2006), non creo que se deba tomar como excluínte na súa totalidade do Estilo Atlántico (ou Grupo Galaico de Arte Rupestre, ou como queira que lle chamemos), porque pode haber outras semellanzas e outro tipo de relacións (como son os vinculados co soporte, o lugar onde se grava, o tipo de desgaste, as relacións cos petroglifos circundantes, a localización, e outras pautas e elementos arqueolóxicos...) que os integren dentro dunha unidade no que se inxiran todos os petroglifos. De feito, a realización das armas metálicas de forma illada en paneis non ten por qué indicar unha cronoloxía diferente fronte a outra clase de motivos, porque pode deberse a outras causas, tales como o significado dos gravados que se representan. Non debemos descartar a existencia de linguaxes diferentes dentro desa manifestación rupestre. Un círculo e unha arma poderán estar localizados en diferentes lugares, pero non por iso teñen que ser de diferentes épocas, senón que poden ser coetáneas, do mesmo grupo ou estilo, e incluso feitos pola mesma man.

Non é fácil clarificar estas cuestións, e non é moi convincente este argumento que se sustenta únicamente pola asociacion de motivos. O certo é que a pesar de que foran de diferente época existirían moitas posibilidades para que coincidiran no espacio e incluso na mesma rocha, aínda que só fose por casualidade e probabilidade, ó estaren todos eses motivos ocupando un mesmo espacio en parte do que hoxe chamamos Galicia e Norte de Portugal.

No que se refire ás paletas, no artigo de Santos Estévez xa se nos apunta a dificultade dunha adscripción clara, debido a que non se atoparon os seus paralelos materiais na península Ibérica. En Galicia a súa representación só se atopou en catro estacións rupestres, e parecen ter un paralelismo co existente en Valcamónica (Italia). Por esta similitude suxírese que aí pode estar unha posibilidade de datación. Ademais, a decoración das paletas italianas atopadas en contextos funerarios posúen esvásticas, outro dos elementos atopados nos petroglifos galegos, aínda que tamén escasos. Estes elementos postularían unha datación en torno ós inicios da Idade de Ferro (Santos, 2005b). Nembargantes no artigo xa se nos indica a endebleza desta datación, porque as paletas non son un elemento que se interprete con claridade.

Non coñecemos, polo momento, ningún resto arqueolóxico deste tipo de paletas en Galicia, e non sabemos tampouco se os gravados facían fincapé realmente en paletas semellantes ás representadas en Valcamónica. A similitude existe, pero tamén se debería, ou tamén se pode, atender a outras posibilidades: por exemplo, estaría ben saber se a utilización desas paletas era a mesma aquí e máis en Italia, se a cronoloxía pode ser anterior ás italianas, para qué se usaban...., etc. Non debemos olvidar que a temática existente en Valcamónica é diferente á existente en Galicia (asunto ó que nos referimos máis abaixo).

Algo parecido pasa co terceiro elemento que analiza este autor: os labirintos e laberintoides. Neste caso fai fincapé nas datacións deste tipo de laberintos en Europa e no Próximo Oriente, cunhas datacións cercanas ó primeiro milenio a.C. Pero existen opinións contrarias:

 

«Pola súa parte, as figuras de labirintos do tipo Mogor –o mesmo que no caso das esvásticas e das paletas– foron tradicionalmente consideradas como algo alleo en orixe ó repertorio clásico dos nosos gravados, ó que se irían incorporando de maneira paulatina ó longo dos últimos tempos da Idade do Bronce e os comezos da do Ferro. Esta opinión era enormente debedora da cronoloxía que autores como Anati propuxeran no seu día para os labirintos nos complexos rupestres italianos de Naquane e Campanine, utilizando criterios de tipo difusionista que tomaban como referencia figuras semellantes procedentes de contextos tan diversos que se por algo se caracterizaban é precisamente polas súas máis que dubidosa cronoloxía. Realmente, non cremos que haxa ningún motivo para disociar este tema tan concreto do resto do repertorio clásico dos nosos gravados, como poñen de relevo as similitudes técnicas constatables entre as figuras de labirintos e as combinacións circulares e os zoomorfos dos petroglifos de Outeiro do Cribo, Pedra Escrita e Chan do Rei; dito isto, sen embargo non deixamos de ser conscientes de que esta información que propuxemos máis arriba, a longa viaxe á que alude a bibliografía arqueolóxica con respecto a estas figuras quizais se produciría en sentido contrario ó que se acostuma supoñer» (Peña Santos; Rey García, 2001 :113-116)

 

Os labirintos que nos menciona Santos Estévez no seu artigo están tomados de Europa e de Próximo Oriente, e están representados en arxila ou en cerámicas. Como vemos, o soporte é diferente do que existe para os gravados rupestres galaicos, e esta diferencia parécese pasar por alto, cando a realidade é que o significado do soporte pode ser relevante. Sería interesante coñecer qué tipo de significados ou elementos están detrás das representacións de labirintos neses lugares extrapeninsulares que se mencionan; é posible que sexa unha motivación diferente á que se supón para os petroglifos galegos, e de aí tamén unha cronoloxía distinta. 

Efectivamente, cando se compara os petroglifos de Galicia con outros coetáneos como os de Valcamónica ou Mont Bego sempre se deixa ver que os petroglifos de Galicia están compostos de motivos excepcionais, entendendo como excepcionais as esceas que non son cotiás. Pola contra, os gravados de Mont Bego e Valcamónica si que nos presentan esceas cotiás. Esta diferencia debémola ter en conta. Entón, é fácil pensar que as paletas e os labirintos que se gravan en Galicia son excepcionais, non son cotiás, como así o poden ser nesas outras zonas europeas. É posible que eses elementos se trouxeran desde lugares lonxanos onde si eran elementos cotiás, como pode ser o caso de Próximo Oriente. Ou simplemente se gravaron en Galicia nun momento anterior á súa cotidianidade, cando se representan en Valcamónica e zonas do Mediterráneo, por poñer dúas interpretacións.

Como vemos, as comparacións e as similitudes poden abrirnos moitas portas de cara a novos significados e coñecementos da realidade rupestre galega, pero son camiños nos que hai moitas entradas, así que debemos andar con pasos o máis firmes posibles e achegarnos a tódalas posibilidades para poder facer unha aproximación o máis certeira. Non estaría de máis poñer atención nesa excepcionalidade dos motivos representados na arte rupestre galega, en comparación co representado noutros lugares que se achega maís á vida cotiá. Debería afondarse máis nesta cuestión, pois creo que aínda ten unha potencialidade que non  foi esgotada.

Outra cuestión a ter en conta é a importancia das figuras semellantes ós labirintos. Esta figuras son moi abundantes en Galicia, e estaría ben facer unha análise sobre a súa existencia neses outros lugares europeos que se mencionan como posuidores de labirintos e que soen compararse cos existentes en Galicia. Existen esas formas labirintoides nese lugares europeos onde existen labirintos?. Este sería outro punto no que podemos poñer atención. Efectivamente, cando vemos os petroglifos recoñecemos as formas labirínticas e comparámolas coas existentes neses outros lugares onde tamén aparecen de forma clara e nítida. Sen embargo, en Galicia, existen outras figuras que se poden denominar pesudolabirínticas ou que teñen certa similitude cos labirintos, e que se soen tomar como deformacións destes últimos ou aparecen nun segundo plano, escondidas trala importancia dos labirintos. É por isto que unha das explicacións que se pode ler na bibliografía científica fálanos da probabilidade de que o coñecemento necesario para poder realizar labirinto viñera do exterior, entrando pola costa, xa que é nese lugar onde aparecen os motivos labirínticos máis perfectos. Logo, desde a zona costeira, iríase adentrando cara o interior, e por iso se explica que canto máis ó interior máis imperfectas son as formas labirínticas. Certamente podemos interpretar deste xeito a existencia deses motivos imperfectos, pero non é menos certo que na costa tamén hai outros labirintos “deformados”.

Paréceme relevante recalcar a falla de estudos referente a esas outras formas pseudolabirínticas e a súa posible relación coa forma de facer que se aprecia nos labirintos (que son as figuras que nós recoñecemos). Non se debería descartar a posible existencia dun xeito de facer os petroglifos que se pode caracterizar de “labiríntica”. Desta maneira, desde a nosa forma de percibir, podemos crear unha gama de formas no cal un dos extremos estaría ocupado polos círculos concéntricos e o outro polos labirintos. No medio deles estarían o resto dos diferentes motivos xeométricos de forma curva. Polo tanto, aínda que os labirintos se poidan ver como algo que vén do exterior, non podería tamén verse como unha producción propia?, como a figura “perfecta” dun xeito de facer gravados xeométricos e non como algo chegado desde o exterior?. Existen moitos exemplos de petroglifos que nos permiten observar o xogo xeométrico da curva, as reviravoltas que nos enganan e nos levan ó mesmo lugar... e isto penso que pode ser unha forma de facer que podemos denominar “labiríntica”, sendo o labirinto a forma “perfecta” (desde a perspectiva que nós posuímos). Pregúntome se nos outros lugares de Europa onde hai figuras labirínticas existen tamén figuras pseudolabirínticas, se existe toda esa gama de figuras que se poden ver como degradación dun labirínto ou iniciación ó mesmo. Dito isto, tampouco deberiamos desbotar o feito de que se pode chegar ó labirinto en diferentes lugares do planeta e en diferentes momentos, sen a necesidade da difusión e dun único punto de orixe, ó igual que pasa con outras figuras xeométricas menos complexas.

O mesmo que dixemos para os temas anteriores podemos aplicalo ás esceas de equitación, para as que se lles supón unha cronoloxía  en torno ó Iº milenio antes de C.,

 

«ya que no se conocen en Europa o en la Península Ibérica ninguna representación o evidencia de monta a caballo hasta el Iº milenio a. C. Es necesario indicar que no es posible datar la introducción de la monta por la presencia de bocados, ya que éstos también son utilizados con frecuencia en algunos carros ligeros. En todo caso hay que destacar que no existe ningún tipo de representación de monta de caballo en Europa Occidental al Iº milenio» (Santos Estévez, 2006).

 

Non creo que estes sexan argumentos suficientes como para negar a monta de cabalos antes do I milenio na península Ibérica. Parece negarse unha cronoloxía anterior ó I milenio dos gravados rupestres porque en Europa non existen ese tipo de representacións. Aínda que tamén poderiamos dicir que en Europa existe a monta de cabalo antes do I milenio, porque aparecen representados nos gravados rupestres galegos. Por outra banda, tamén deberiamos negar a existencia de montas de cervo nos gravados rupestres se non aparecen no resto de Europa?. Non o creo. Pode ser certo que no resto de Europa non se representaran montas de cabalo antes do I milenio, pero hai que contextualizar ese tipo de representacións. Igual no resto de Europa non necesitaron representar esa monta de cabalos, como si o necesitarían posteriormente, incluso tirando de carros. Uns carros que, sen embargo, aínda non foron identificados nos petroglifos galegos. Volvemos así o dito anteriormente, á excepcionalidade que parecen mostrar os petroglifos galegos respecto doutros focos europeos. Se en Europa os cabalos aparecen formando parte dunha vida sedentaria, da vida cotiá, relacionados coa agricultura e o transporte, no caso galego é posible que a monta de cabalos sexa excepcional, anterior a unha “submisión plena” destes animais á vida sedentaria e, por qué non, antes de que se crearan os bocados ou un tipo de bocados que permenacen no rexistro arqueolóxico.

            Non parece sostible hoxe en día negar a existencia da monta de cabalos antes do I milenio polo feito de non apareceren representacións desas esceas noutros lugares de Europa. Ademais,

 

«É evidente que esta hipótese ignora ou pasa por alto a posibilidade do emprego de arneses de materiais perecedoiros ou a existencia de montas a pelo, e desatende o feito de que escavacións arqueolóxicas recentes permitiron constatar evidencias da presencia do cabalo no occidente peninsular ó longo de diversos momentos da prehistoria recente, tal e como se desprende da aparición de restos de équidos no nivel II do abrigo de Pala da Vella, ou da súa ampla documentación en xacementos calcolíticos meseteños. De feito, a investigación admite desde hai certo tampo a existencia de xinetes no territorio europeo occidental ó menos desde os primeiros momentos da metalurxia» (Peñas Santos; Rey García, 2001:113)

«Na nosa opinión, a investigación arqueolóxica máis recente pon de relevo que existen evidencias máis que suficientes para pensar que no occidente europeo se pode testemuñar o uso e a importancia social do cabalo xa cando menos no III milenio AC» (Peña Santos; Rey García, 2001. 153).

 

 

O Contexto dos petroglifos

 

A posibilidade da existencia de dous grupos claramente diferenciables relacionados con dúas fases de execución do estilo Atlántico: un primeiro atribuíble ó Bronce Inicial exclusivamente con motivos de armas, e un segundo grupo con esceas de caza, monta, labirintos e paletas realizados no século IX-VIII e V-IV (Santos, 2005b), tampouco nos parece moi convincente. Este autor comenta as similitudes dos petroglifos galegos con Valcamónica, que tamén serven de apoio á súa hipótese. Esa comparativa non resulta válida xa que, aínda no caso de que admitamos unha cronoloxía similar, os gravados rupestres de Valcamónica ós que se refire Santos Estévez mostran unha realidade da representación diferente da existente no Noroeste da Península Ibérica. Os gravados de Valcamónica son representacións da vida cotiá, mentres que os existentes en Galicia representan o excepcional máis cá vida normal da comunidade. E a pesar de que as datacións realizadas nas escavacións feitas en Campolameiro parecen acercar, e incluso inxerir, certos petroglifos con esceas de caza nas primeiras etapas da Idade de Ferro (e isto podería ser un argumento que validaría as opinións daqueles autores que falan dunha certa continuidade da Idade de Bronce e primeiras etapas da Idade de Ferro), iso é algo que aínda costa admitir, porque son datos que non encaixan desde unha perspectiva social e cultural.

A presencia desa temática rupestre en séculos tan próximos, ou pertencentes, á Idade de Ferro, obríganos a conciliar a temática e as crenzas que se supoñen para aqueles que fixeron os gravados rupestres coas de aqueles que viviron na Idade de Ferro. Consecuentemente, se admitimos a presenza dos petroglifos con esceas de caza e monta entre os séculos IX-VIII e V-IV a. de C. tal vez poidamos rastrexar esa ideoloxía representada nas rochas a través do que coñecemos deses primeiros séculos da Idade de Ferro e dese xeito afianzar esa cronoloxía..

Ó tentar facer esa aproximación, atopámonos con moitas sombras. Unha delas é que o espazo dos petroglifos non coincide plenamente co espazo ocupado pola Cultura Castrexa. Isto pode ser relevante, e pode supoñer que os petroglifos son anteriores á Idade de Ferro, e ocupando zonas que teñen unhas determinadas características.

De seguir considerando estes gravados dentro da Idade de Ferro entón habería que atender a esas diferenzas dentro da Cultura Castrexa, remarcando eses feitos nunha realidade que se nos presenta con certa homoxeneidade:

 

«Afortunadamente en el ámbito espacial, la región N.W presenta unos límites naturales muy nítidos, determinantes a lo largo de todo el proceso histórico, de una perfecta adecuación entre región natural y área cultural. Ya desde la Edad del Bronce, y especialmente desde el Bronce Final, la cultura material presenta características propias e individualizadoras para esta área[4]. Posteriormente, los múltiples aspectos originales de la Cultura Castrexa ayudan a demarcar su territorio nuclear, que al margen de las consabidas áreas limítrofes de interacción, ocupa toda la Galicia actual , Portugal y  el extremo occidental de Asturias» (Naveiro, 1991: 16)

 

A pesar diso, si que podemos encontrar certas diferenzas xa que, como nos advirte Almagro-Gorbea, existe «un mayor carácter céltico en las provincias de Lugo y A Coruña», atendendo á presencia de determinados topónimos e xoias (González Ruibal, 2006-2007: 464). Sen embargo, esa zona que se cre máis celtizada non se corresponde co núcleo onde se desenvolven os petroglifos. Polo tanto, se consideramos que as representacións de cervos teñen unha cronoloxía dos Inicios da Idade de Ferro, igual hai que revisar as teorías que falan de poboacións célticas na Galicia Prerromana, xa que nos pode estar a falar de diferencias na zona coñecida como Gallaecia. Pola contra, os petroglifos non parecen ser unha das realidades ás que se atende cando se fala da existencia dunha Galicia céltica[5].

En definitiva, parece que o espacio que ocupa a Idade de Ferro en Galicia non coincide plenamente co espacio dos petroglifos. Isto non nega a existencia dos gravados rupestres nesa época, pero si que nos aportarían novas claves para entender a xénese e características da Cultura Castrexa, se asumimos esa cronoloxía que nos propón Santos Estévez.

Un dos aspectos nos que podemos buscar esa conxunción dos gravados rupestres e a Cultura Castrexa pode ser na mentalidade. Na arte rupestre o cervo é un dos animais máis representados, e a caza do cervo a temática que máis información nos parece aportar. Na Idade de Ferro os cervos aparecen en estelas funerarias, pero xa en épocas tardías (Vázquez Varela; García Quintela, 1998: 153). Nembargantes, estes autores danlle máis importancia a animais como o xabarín, o lobo e os osos; uns como conductores dos guerreiros ó alén, e outros como animais cazados dentro de ritos nos que os guerreiros acadan o seu pleno estatuto, tomando comparativas da Europa antiga, en relación á celtización dos pobos galaicos (Vázquez Varela; García Quintela, 1998: 153). Unhas representacións que non se corresponden co que vemos nos petroglifos, así que esa celtización non parece ser dese xeito, ou os gravados de cervos debemos entendelos doutra maneira.

Non parecen existir datos que nos relacionen á cultura castrexa coa temática exposta nos gravados rupestres. Isto non nega a existencia dunha cronoloxía dos gravados de cervos dentro do I milenio, pero si que nos mostra a presencia dun corte entre eles e a temática ou a mentalidade que se supón para a Idade de Ferro. Ademais, tamén habería que explicar o feito de que haxa petroglifos (figuras xeométricas) que aparecen en desuso a finais da cultura Castrexa, tapados por construccións dos castros, que nos fai pensar en dúas cousas: ou eses petroglifos son anteriores ós castros, ou prodúcese un cambio de mentalidade durante un momento da cultura castrexa.

Pola contra, os petroglifos parecen ter moitos puntos en común co mundo megalítico. Neste, xa se observan representacións de figuras humanas con armas, entre as que se encontran alabardas, un elemento que podemos ligar coas representacións de figuras humanas ou armas que existen nos petroglifos, ó igual cás esceas de caza como a que temos en Orca dos Juncais (Portugal), que seguramente fan fincapé nunha actividade de prestixio (Vázquez Varela, 1997: 17).  A escea de caza de Orca dos Juncais é moi similar á existente no petroglifo da Pedra das Ferraduras, así que igual este feito nos está a advertir dunha proximidade entre eses dous mundos: os gravados rupestres dos megalitismo e os petroglifos.

Esa semellanza non só se aprecia nesa escea de caza senón tamén noutros motivos, como os ídolos-cilindro que aparecen nos petroglifos e teñen moita semellanza con obxectos da cultura megalítica. Estes petroglifos, xunto a outros motivos nos que se observan relacións entres os petroglifos e a arte megalítica, encádranse nalgún momento do megalitismo Final (Peña Santos; Rey García, 1997: 833), o que nos leva a pensar que a arte megalítica puido ser unha fonte de inspiración para os petroglifos galegos (Bello Diéguez, 1996: 38), que algúns xustifican, por exemplo, coas similitudes que se observan entre a arte megalítica bretona e a peninsular (Bueno Ramírez; Balbím Behrman, 1997: 713). Os gravados galaicos xa se teñen comparado cos bretóns, como o de Coto de Barcelos (Costas Goberna; Pereira García, 1996-97), e cos irlandeses, caso de Pedra da Bouza (Costas Goberna et alii, 1994-95), pero estas relacións no són se encadran no mundo atlántico, xa que se observan máis alá dese marco, como é o caso do mundo mediterráneo (Escortell Ponsoda, 1982: 18).

Parece, polo tanto, que as diferencias entre o Megalitismo e a Idade de Bronce (que representarían os gravados rupestres) non son tan claras como se pensaba e

 

«Sería mejor hablar de diferencias de grado entre las sociedades de las épocas citadas en los temas del papel del varón, la jerarquía y la guerra, o bien de la existencia de un modo de expresión distinto de lo mismo en el registro arqueológico. En todo caso los datos apuntan a la comunidad de una serie de aspectos de la cultura lo cual no permite hablar de ruptura entre estos mundo sino mejor de continuidad» (Vázquez Varela, 1997: 18).

 

O diferente xeito de vida que existiu na época megalítica, máis comunitaria, fronte á época posterior, máis individualista (onde nós encadramos a presenza dos petroglifos) debe ter a súa orixe na forma de organización e explotación da terra:

 

«Sherrat propuxo a introducción, en boa parte do territorio europeo durante o III milenio AC, dunha nova tecnoloxía vinculada ó que denominou Revolución dos Productos Secundarios que se caracterizaría, basicamente, pola crecente importancia do uso do arado, da tracción animal, da domesticación do cabalo, da explotación da ovella productora de la e do aproveitamento do leite dos animais e dos seus derivados, actividades todas elas responsables, en última instancia, dun período de expansión agraria e de cambios na esfera social orientados cara ó ascenso do poder individual e da figura do varón» (Peña; Rey, 2001:155)

 

Nese cambios debemos entender fenómenos como a cerámica campaniforme e outros relacionados coa sociedade, con tensións entre as vellas e as novas pautas sociais (Sherrat, 1998: 173). Sen embargo, aínda que no noroeste peninsular o rexistro arqueolóxico indica esta serie de cambios no III milenio a de C., os petroglifos non parecen representar esa situación, pois atenden a actividades prestixiosas como a caza e a equitación, deixando de lado as actividades agropastorís (Peña; Rey, 2001: 155). Os gravados parecen atender á esfera da organización social, da ideoloxía, que se reforza coa representacións das actividades e símboloxías que vemos nos gravados rupestres. Quizais os petroglifos funcionaron como válvula de escape dunha vida condicionada pola agricultura e a gandería, pero na que agora se rompen vellos moldes[6], a causa da introducción de novas melloras e un maior intercambio comercial, volvéndose todo máis móbil, e menos estático, oposto a como sería antes do III milenio a. de C., cando o peso da comunidade era maior e a organización social máis estática e fixa, onde a morte tería un papel sobranceiro.

Esta transformación social advírtiríase no fenómeno tumular e, deste xeito, nese III milenio a. de C. asistimos a unha «reinterpretación, con la transformación en tumbas menos colectivas y una generalización del enterramiento individual, al tiempo que aparecen tipos más invisibles en el paisaje, al tener menos proyección en altura. Una “desinversión” energética en lo constructivo que se ve acompañada en ocasiones de un mayor énfasis en los ajuares» e os túmulos non desaparecen de forma drástica coa chegada da Idade de Bronce (Fábregas, 2001: 44. Fábregas; Vilaseco, 2006: 26-27). Ou sexa, que non parece existir nos enterramentos un límite claro entre o Megalitismo e a Idade de Bronce, senón que habería un solapamento, un cambio gradual, no que se pasa dunha vida máis comunitaria a unha vida na que o peso do individuo gaña presenza. Con isto entendemos mellor a posible relación da arte megalítica e os petroglifos pois, se a sociedade nos mostra certo contacto e relación, o mesmo nos estarían a manifestar as súas pinturas e gravados. Por eses acontecementos que estamos a relatar tamén podemos entender o cambio na arte rupestre: dunha arte localizada nos túmulos, no interior, a outra localizada ó aire libre, no exterior, e que nos pode indicar ese comunitarismo fronte ó individualismo, así como outros contrastes nesas formas de vida megalítica e daquelas comunidades que realizaron os petroglifos.

 

 

Conclusión

 

O mundo dos petroglifos segue a ser unha cuestión sen esgotar. Moito queda por explicar e debatir. A discusión aparecida na revista Arqueoweb é uha mostra do estado da cuestión entre os investigadores de Galicia. Isto é beneficioso para a investigación. Sen embargo poden chegar a ser preocupantes as informacións que chegan á sociedade, e as formas de divulgar que se fai desta temática prehistórica. Está ben que haxa discusión, pero tamén sería bo partir dunhas bases similares coas cales poder crear teorías e visións desta arte rupestre desde uns cimentos comúns, sobre todo para que á sociedade non lle cheguen mensaxes confusas, dándose o paradoxo de que unha mesma realidade apareza moi diferente segundo o autor que escriba sobre ela. Se non se chega a un acordo de base entre os investigadores, polo menos cando se publique, ou se fale para o gran público, deberíase facer referencia a aquelas correntes que non opinan igual, e dese xeito os oíntes e lectores saberán que están ante unha mesma realidade que é comprendida de diferentes xeitos.

Logo do visto parécese entender a arte rupestre como un periodo de longa duración, que se estende no tempo desde os seus incios (difusos) posiblemente no neolítico e que se corta coa Idade de Ferro. Os seus inicios podemos ir encaixándoos dentro do mundo megalítico, ou do neolítico, co que parece ter relacións, tanto en temática como en simbolismo, mostrándose un cambio gradual. Sen embargo, a relación coa Idade de Ferro resulta máis complexa e pouco clara. De existir este tipo de petroglifos nos Inicios da Idade de Ferro haberá que aclarar cuestións referidas ó territorio, ó simbolismo e á temática, e así poder encaixar esa arte rupestre con ese período protohistórico, porque as mentalidades e xeitos de vida parecen moi diferentes. A conciliación da cosmovisión da Idade de Ferro e a que nos mostran os petroglifos non parece fácil.

Por último, debemos atender ás características propias da arte rupestre galega para enriquecer as nosas investigacións. É certo que estamos nun contexto europeo, pero non é menos certo que os petroglifos galegos teñen unhas características diferentes, comezando pola representacións duns motivos que son excepcionais na vida diaria dos seus creadores, frente ós motivos da vida cotiá que aparecen noutros lugares de Europa. O soporte, en pedra (aínda que non habería que desbotar outros soportes que non se conservaron), tamén debe ser tido en conta, ó igual cá súa localización espacial. Do mesmo xeito, a importancia da liña curva na temática dos petroglifos tamén debería verse dese unha óptica diferente á actual, porque só parece atenderse ás figuras que nós recoñecemos, ou recoñecen noutros lugares de Europa, cando pode ser un xeito de facer, o curvo, que aínda ten moito que dicir.

 

 

Poio, ano 2008                                                                                                          VOLVER

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

ARIAS VILAS, Felipe (1992): A romanización de Galicia. Edicións A Nosa Terra.

BELLO DIÉGUEZ, José María; PEÑA SANTOS, Antonio de la (1995): Galicia na Prehistoria. Tomo I da Historia de Galicia. Oleiros. Vía Láctea Editorial.

BELLO DIÉGUEZ, J. M. (1996): «Grabados y pinturas en el mundo Megalítico Atlántico y Europeo», en Costas Goberna; Hidalgo Cuñarro (coord.): Los motivos geométricos en los grabados rupestres prehistóricos del continente europeo.  Asociación arqueológica viguesa. Serie Arqueológica divulgativa, nº 2. Vigo, pp. 11-53

BENOZZO, Francesco; ALINEI, Mario (2007): «A área galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa», en Trabe de Ouro nº 71; e tamén en:

http://www.continuitas.com/benozzoalinei_areagallega.pdf.

BUENO RAMÍREZ, P.; BALBÍN BEHRMANN, R. (1997): «Ambiente funerario en la sociedad megalítica ibérica: arte megalítico peninsular», en Rodriguez Casal (ed.): O neolítico atlántico e as orixes do Megalitismo. Actas do Coloquio Internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996), pp. 693-718.

CARRERA RAMÍREZ, F.; FÁBREGAS VALCARCE, R. (2006): Arte parietal megalítico en el noroeste peninsular. Conocimiento y conservación. Santiago de Compostela. Tórculo Edicións.

COSTAS GOBERNA, F.J.; HIDALGO CUÑARRO, J.M.; VEIGA GONZÁLEZ, A.; TABOADA TÁBOAS, A. (1994-95): «La piedra con grabados de "Pedra da Bouza" en Boiro (A Coruña)», Castrelos, 7-8, pp. 61-65.

COSTAS GOBERNA, F.J.; PEREIRA GARCÍA, E. (1996-97): «El petroglifo del Coto de Barcelos (Oia; Pontevedra)», Castrelos, 9-10, pp. 81-90.

COSTAS GOBERNA, F. J.; FÁBREGAS VALCARCE, R.; GUITIÁN CASTROMIL, J.; GUITIÁN RIVERA, X.; de la PEÑA SANTOS, A (2006): «Panorámica sobre el arte y el paisaje. EL final de la ilusión», en Arqueoweb 8 (1) (abril 2006): http://www.ucm.es/info/arqueoweb/numero8_1/conjunto8_1.htm

ESCORTELL PONSADA, M. (1982): Catálogo de las Edades de los metales del Museo Arqueológico de Oviedo. Oviedo

FÁBREGAS VALCARCE, Ramón (2001): Los petroglifos y su contexto: un ejemplo de la  Galicia meridional. Vigo. Instituto de estudios viegueses.

FÁBREGAS VALCARCE, Ramón; VILASECO VÁZQUEZ, Xosé Ignacio (2006): «En torno al megalitismo gallego», en Carrera et alii: Arte parietal megalítico en el noroeste peninsular. Conocimiento y conservación. Santiago de Compostela. Tórculo Edicións, pp. 11-36.

GONZÁLEZ RUIBAL, Alfredo (2006-2007): Galaicos: poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica: (1200 a.C.-50 d.C). en Brigantium 18-19, 2 Vol. Museo Arqueolóxico e Histórico da  Coruña.

NAVEIRO LÓPEZ, Juan L. (1991): El comercio antiguo en el N.W. peninsular. A Coruña. Museu Arqueolóxico.

PEÑA SANTOS, A. (1998): «Para una aproximación historiográfica a los grabados rupestres galaicos», en Costas Goberna; Hidalgo Cuñarro (coords.): Reflexiones sobre el arte rupestre prehistórico de Galicia. Asociación  arqueológica viguesa. Serie arqueológica divulgativa, nº 4 .Vigo.

PEÑA SANTOS, A. de la; REY GARCÍA, J.M. (1997): «Sobre las posibles relaciones entre el arte parietal megalítico y los grabados rupestres galaico», en Rodriguez Casal, Antón A. (ed.): O neolítico atlántico e as orixes do Megalitismo. Actas do Coloquio Internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996), pp.829-838.

PEÑA SANTOS, A. de la; REY GARCÍA, J.M.  (1998): «Perspectivas actuales de la investigación del arte rupestre galaico», en Fábregas Valcarce (ed.): A Idade de Bronce en Galicia: novas perspectivas. Cadernos do seminario de Sargadelos 77. A Coruña. Edicións do Castro, pp. 221-241.

PEÑA SANTOS, Antonio de la; REY GARCÍA, José Manuel (2001): Petroglifos de Galicia. Oleiros. Vía Láctea Editorial.

SANTOS ESTÉVEZ, Manuel (2005a): «A arte rupestre da Barbanza», en Ayán Vila, Xurxo (coord.): Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña. Editorial Toxosoutos, serie Keltia. Noia, pp. 37-50.

 SANTOS ESTÉVEZ, Manuel (2005b): «Sobre la cronología del arte rupestre atlántico en Galicia», Arqueoweb 7 (2) – sept./dic. 2005:

http://www.ucm.es/info/arqueoweb/numero7_2/articulo7_2_santos.html

SHERRAT, Andrew (1998): «La transformación de la antigua Europa agraria: el Neolítico reciente y la Edad del Cobre, 4500-2500 a.C.» en CUNLIFE, Barry (ed): Prehistoria de Europa Oxford. Barcelona. Editorial Crítica, pp. 169-202 (edición orixinal de 1994).

VÁZQUEZ ROZAS, R. (1997): Petroglifos de las Rías Baixas gallegas. Análisis artístico de un arte prehistórico. Deputación Provincial de Pontevedra. Vigo.

VÁZQUEZ VARELA, J. M. (1997) «La ideología en el arte megalítico de la Península Ibérica», en Brigantium, vol. 10, pp. 15-22.

VÁZQUEZ VARELA, José. M.; GARCÍA QUINTELA, Marco V. (1998): A vida cotiá na Galicia castrexa. Universidade de Santiago de Compostela. Servicio de publicacións e intercambio científico.



[1] Departamento de Historia I. Universidade de Santiago de Compostela. Desde aquí o me agradecemento á profesora Mar Llinares.

[2] Unha visión historiográfica e das perspectivas da investigación pode verse en Peña Santos et alii (1998) e Peña Santos (1998).

[3] Santos Estévez, Manuel (2005): «Sobre la cronología del arte rupestre atlántico en Galicia», Arqueoweb 7 (2) – sept./dic. 2005: http://www.ucm.es/info/arqueoweb/numero7_2/articulo7_2_santos.html

[4] Como ejemplo puede tomarse la distribución de las hachas de tope –quizás el más típico de sus materiales– (CALO/SIERRA, 1983, p. 23).

[5] Véxase por exemplo BENOZZO; ALINEI, 2007

[6] De xeito similar ó que ocorreu no Sureste de Europa entre o 4500 e o 3500 a. de C. (Sherrat, 1998: 175)

Hosted by www.Geocities.ws

1