Artigo publicado na revista A MOURA nº 2, 1998.

 

 

EUCALIPTOS, PINOS, E DEMAIS FAMILIA

 

Miguel Anxo Sartal Lorenzo

                                                          

     E digo estas árbores e non outras porque son as que máis preto me quedan, referíndome a esas árbores alóctonas coas que nos repoboaron, con elas medrei. E cando medraba dábaseme por preguntarlle a miña nai, avós, familiares, ou coñecidos que collera por diante, como era antes o monte, cando eu era máis novo e cando xa non o era tanto. A resposta era sempre a mesma: carballos e outras especies  autóctonas, monte pelado, gando pastando en bos pastizais, estrume, auga por tódolos lados, etc., é dicir, case unha paisaxe bucólica, coma as da Arcadia. Pero chegou o lume, alá  polos 70, e desde aquela eucaliptos e pinos fixéronse amos do monte, e desde entón cada ano “festa”, onde o lume é o protagonista, e cada temporada con novas sorpresas, pois houbo incendios no que o lume ata prendía por catro veces á vez, para que digan que a natureza non ten “caprichos”.

     Antes diso xa cambiara o monte. Entre a imaxe que aínda gardan os máis vellos e a imaxe que nós temos está unha das máis grandes transformacións do monte en menos dun século, porque o monte non é algo omnipresente; non sempre foi ese lado salvaxe, desordenado, desorganizado que algúns queren ver, nin sempre foi verde, non. Todo mudou coa repoboación forestal, que xa vén de atrás (en tempos de Felipe II xa se plantaron pinos ou carballos), pero foi neste século cando o Estado máis nola meteu polos ollos, amparado baixo o progreso. E a pesar de que moita xente andivera a paos con Patrimonio (o Patrimonio Forestal Español, creado polo Réxime Franquista), non conseguiron moito, e o Estado logrou cumpri-lo seu obxectivo. Ata tal punto que incluso houbo persoas que nos anos 60 roubaban eucaliptos de toxeiras particulares para plantalas nas deles, porque non había que perde-lo carro dese progreso tan bonito que o Estado presentaba, e construía, pois aí está  Celulosas, para o “ben da xente”.

     En fin, o Estado facía toda a repoboación e a actuación forestal polo benestar da xente, ou iso dicían. A práctica non foi esa, ó Réxime pouco lle importaban os campesiños, os labregos, a xente do rural, pouco lle importaba rompe-lo sistema de vida tradicional, que quedaran sen recursos para subsistir, e aínda que isto fora causa de emigracións, etc., ó contrario, moito mellor, isto significaba máis terra para repoboar e menos oposición campesiña. Á Administración só lle interesaba sacar beneficios económicos, aínda que para iso tivera que esquilmar á terra e ós campesiños, aínda que destruíra a flora autóctona, eles só vían a Galicia como unha reserva forestal , unha reserva de materia prima para soste-las bases do Estado baseadas na autarquía, o obxectivo estratéxico do Réxime. A partir disto viñeron expropiacións, medidas coercitivas, traballo duro e con soldos máis baixos do normal, desprecio polos cultivos agrícolas e polos pastizais, polo gando, polo equilibrio ecolóxico, polo cultivo selvícola. Iso é o que opinaban, e facían calquera cousa por conseguir, os enxeñeiros productivistas, que casualmente eran os que estaban detrás da repoboación forestal, e eran os que rexeitaban os informes dos enxeñeiros conservacionistas coñecedores da realidade galega á cal non se lle podían aplica-los modelos doutras rexións do Estado. Os conservacionistas eran forestalmente incorrectos, avogaban por mante-lo uso do monte que facían os campesiños, propoñendo planos de rexeneración forestal, onde tiñan gran importancia as especies autóctonas pero onde tamén tiñan cabida novas especies e deste xeito ter uns obxectivos non só económicos, e si máis diversificados e menos malos para a terra e a xente. Eles eran os que auguruban incendios e un abandono do monte; os seus acertos están á vista.

     Hoxe xa vemos cal é o resultado, eucaliptos en tódalas esquinas, e aínda que non son santos da miña devoción, téñenme algo especial, será porque son desa chamémoslle “xeración do eucalipto”, esa árbore que simboliza un novo cambio. Mais moitas veces pregúntome como sería esa Galicia verde da que tanto se fala, porque si, vivo nunha Galicia verde, pero demasiado verde, e desexaría ás veces ver esa outra Galicia castaña de Outono, con árbores sen follas, esa Galicia que todos temos na cabeza de oírmos falar  pero que un “determinado” progreso cambiou.

     Unha mostra da política repoboadora témola en Pontevedra. Non deron un peso por ela, mirárona como a fonte de recursos do Estado, aínda que quedara desfeita e irrecoñecible. Repoboáronse os arredores, e mandáronlle a Celulosas, e a Tafisa: e Pontevedra aforcada, contaminada, degradada, enganada, facendo o traballo sucio a costa da súa degradacíón edafolóxica, marítima, xeográfica, ambiental,.... Hoxe continúan os resultados, e iso pódese ver na súa paisaxe, pódese notar nas súas augas, e pódese respirar no seu ambiente.

     Na actualidade a xente xa se afixo a esa transformación,  sería difícil cambia-la conciencia que a xente ten do monte. Haber quen lle di ós propietarios de toxeiras que as traballen doutro xeito cando sacan uns bos cartos vendendo de vez en cando eucaliptos e pinos, sen gastar esforzos no seu mantemento, tan só unhas poucas discusións e talvez pelexas co propietario do lado ó non estar claros os marcos, pero ¡va!, iso non é nada.

     Con este artigo pretendo que de agora en diante cando miredes ó voso arredor teñades coñecemento de causa, ademais de facervos pensar sobre o que está a pasar na actualidade do monte e que vos preguntedes se non habería outras maneiras mellores de xestiona-lo monte. Xesús Manuel Valcárcel no seu libro Dialéctica Sentimental (1997) di que «A tradición racionalista occidental está en crise; os soños da razón producen monstros. A mesquindade, o egoísmo inmediato e o afán de posesión estragan día a día a calidade de vida de millóns de seres humanos. Non hai respostas na ciencia; o discurso racionalista e economicista está esgotado.(...). As mentiras institucionais, a competitividade extenuante como resultado da masificación, a destrucción das bases e dos contornos naturais da vida converteron o mundo –no que só campa un capitalismo depredador e cego- nun inferno físico e psíquico»,  e ten algo de razón.

     Se queredes profundizar máis na cuestión do monte podedes pasar polo Departamento de Contemporánea (referíndome á facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela) e falar con algúns dos profesores que saben do tema. Pero se non che apetece e queres ler algo do dito podías empezar por algún destes tres libros: 

 

-BALBOA, Xesús L.: O monte en Galicia. Ed. Xerais Universitaria, Vigo, 1990

-RICO BOQUETE, Eduardo: Política forestal e repoboacións en Galicia (1941-1971). Universidade de  Santiago de Compostela, 1995.

-REY CASTELAO, Ofelia: Monte y política forestal en la Galicia del Antiguo Régimen. Universidade de Santiago de Compostela, 1995.

 

 

VOLVER

 

ano 2002, Asociación Cultural Alén do Val

 

Hosted by www.Geocities.ws

1