Artigo publicado na revista A MOURA nº 2, 1998.

 

 

O VAL DO RÍO ELLAS (CÁCERES)

 

Miguel Anxo Sartal Lorenzo

 

     No noroeste da provincia de Cáceres, formando parte das estribacións da Serra de Gata e lindando con Portugal e Salamanca, hai un val percorrido polo río Ellas no que se atopan os concellos de Valverde do Fresno, As Ellas, e San Martín de Trebello, cunhas características que os diferencian dos lugares que os rodean. Son parte da Extremadura verde, unha zona que xeográfica e climatoloxicamente difire do que ata nós chega como típico desa rexión.

     O rasgo máis destacable, e polo que están a ser coñecidos, é por teren unha fala propia. Saída do tronco do galego-portugués, foi caracterizada por algúns investigadores como portuguesa, mentres que para outros estarían adscritas ás galegas. Tamén se pode oír que posúen autonomía propia, que se trata dunha fala arraiana de transición con rasgos comúns ó galego-portugués e ó astur-leonés occidental, ou que serían autóctonas. Hoxe, xa cuns estudios feitos, o máis aceptado é que formaron parte do conxunto galego-portugués, pero con máis similitudes a algunhas variantes galegas. Posúe trazos leoneses e castelanismos, así como arcaísmos morfosintácticos e léxicos desaparecidos no galego e no portugués hai tempo. Estas falas “...supoñen  -na nosa opinión- unha maqueta de moitos fenómenos fonéticos, morfolóxicos e léxicos que se dan a maior ou menor escala por todo o noso territorio lingüístico, e, máis concretamente, as semellanzas e paralelismos son ben evidentes coas falas galegas bercianas, zamoranas e do leste de Ourense,...” (Costas, 1992b: 86), e así preséntanse tres variantes, o valverdeiro que falan en Valverde, o lagarteiro das Ellas, e o mañego de S. Martín de Trebello.

     Pouca atención se lles prestou a estas falas ata a chegada desta década, debido entre outros motivos a que foron clasificadas como portuguesas. Empezámolas a coñecer moitos de nós cando Antón Reixa no seu programa Sitio Distinto da TVG trouxo de convidado a un camioneiro valverdeiro, quen co seu falar nos deixou abraiados. Seguidamente, profesores como Carlos Yus, da Escola de Idiomas de Pontevedra, ou Francisco Fenández Rei (catedrático de filoloxía galega na USC), que coñeceu as falas polas informacións do filólogo catalán Enric Gagallo (que vía a súa proximidade coa lingua galega), fixeron que nos medios académicos galegos se lle prestara atención. Foi deste xeito como X.H. Costas González (profesor da Universidade de Vigo) decidiu viaxar ó val, recollendo información lingüística, e comprobando o “...alto grao de autoestima pola fala e as tradicións locais...” e escoitando ós veciños dos tres lugares que afirmaban que “...cos  galegos sempre se entenderon de marabilla, e mesmo pasaron por galegos en moitos lugares, ata en centros de Suíza e Alemaña; o sentimento de afinidade idiomática –que non se dá cos veciños romances portugués e castelán- é patente” (Costas; 1992a). Estas afirmacións, e o sentimento que desprenden, puídenas comprobar eu mesmo cando falei por primeira vez cunha valverdeira, na primeira viaxe que fixen ó val participando nun equipo coordinado por Costas González para estudia-la lingua e cultura do val.

     Nese traballo puidemos constatar, entre outras cousas, que a xente do val, unhas 5.000 persoas sen conta-los emigrados, sentían que na súa gran maioría a súa fala estaba moi en relación ó galego, e ademais entendían tan ben o castelán como o galego, mentres eran menos os que entendían sen dificultades o portugués, sendo á xente nova á que máis lles custaba. Xa no primeiro tercio deste século, Isabel López Lajas escribiu 6 sainetes moralizantes, e no comezo dun deles pódese ler (Costas, editor; 1998):

                                 A.-Cro que vanin a sacal unha cumedia con a nosa fala, cumadri.

                                 B.-Será pa rilsi un ratu á nosa conta.

                                 A.-Craru, non veis que comu temus esta fala galega quedrán guasialsi de nós.

 

     A resposta de como se fala así hai que buscala nas repoboacións de Alfonso IX de finais do século XII comezos do XIII. Colonos cristiáns de orixe galega foron instalados alí nese periodo. O investigador Lindley Cintra dicía en 1974 que “o falar fundamentalmente galego, mas com leonismos, de Castelo Rodrigo e de Riba-Coa no séc. XIII, o falar também essencialmente galego da regiao de Xalma, outra coisa nao sao, segundo creio, do que falares destes  núcleos repovoadores galegos tao frequentemente recordados pela toponímia” (citado en Costas, 1992a). A toponimia de orixe galega é evidente tanto dentro do val como fóra del, e o mesmo pasa coa antroponimia. Ademais, “a linguaxe dos Foros de Castelo Rodrigo, do século XIII, presenta fielmente as características do dialecto actual, de base indiscutiblemente galega, como recoñecen Cintra e Clarinda de Azevedo” (Costas, 1992a). Probablemente antes a fala abranguía máis zonas, pero foron varridas polo portugués e castelán-leonés, pois no val existen topónimos na súa fala para referirse a lugares de fóra que hoxe teñen nome castelán.

     É indudable o valor histórico, lingüístico, antroplóxico, etc., destes “lugaris” que, como dixemos, puideron ser máis, pero aínda máis a conciencia que a xente ten sobre a súa fala e de si mesmos, porque “...aínda é hoxe o día en que os valegos (do val do Ellas) cando van á Cidai (Cidade Rodrigo-Salmanca) din que soben a Castela,  cando o fan a Penamacor, Castelo Branco ou mesmo Fuñus (Foios), a escasos quilómetros, din loxicamente que van a Portugal; e é cando van a Foius (Hoyos), Coria, Plasencia ou Cileiros (Cilleros), afirman que baixan a Extremadura. Hai conciencia diferencial frente ós pobos veciños, e non só lingüísticamente” (Costas,1998). En efecto, existe  unha conciencia e autoestima que a moitos lles gustaría atopar en Galicia: para mostra a conversa que tiven en S. Martín cunha farmacéutica que se me mostraba orgullosa de saber fala-lo mañego, a pesar de non ser mañega, xa que veu de fóra.

      En ocasións dise que non se aprecian as cousas ata que as perdeches, e moitas veces é certo, senón que llo pregunten ós prehistoriadores. Eles teñen un dos seus maiores atrancos, á hora de estudia-lo pensamento na prehistoria, en non sabe-lo tipo de linguaxe que se falaba, para así saber como concebían o mundo os nosos antepasados. Hoxe aínda temos variedades onde elexir, e moito onde aprender novos aspectos do ser humano. Hai pluralidade, a pesar de que, case sempre, se nos presente o mundo como uniforme e nos pareza tan igual. Mais, non o é tanto, se se escarva un pouco posiblemente saian outras cousas.

 

 

       Bibliografía:

 

COSTAS GONZÁLEZ, X.H.(1992a): «Notas sociolingüísticas sobre os falares "galegos" da ribeira trevellana (Cáceres)», en  A Trabe de Ouro, 11, pp. 409-417.

COSTAS GONZÁLEZ, X.H. (1992b): «Breve caracterización das falas (fundamentalmente galegas) do Val do río das Ellas», en Cadernos da lingua, 6, pp. 85-107.

COSTAS GONZÁLEZ, X.H. (1996): «O galego de Extremadura: As falas do val do río Ellas», en J.M. Carrasco González; A. Viudas Camarasa (eds.), Actas del Congreso Internacional Luso-Español de  Lengua y Cultura en la Frontera, I, pp. 357-376. Cáceres: Universidad de Extremadura.

COSTAS GONZÁLEZ, X.H., et alii: Aproximación Lingüística, etnográfica, antropolóxica do Val do río Ellas (Cáceres). Inédito.

LÓPEZ LAJAS, I. (Costas  González , X.H., editor) (1998): Seis sainetes valverdeiros. Edicións Positivas 1998.

SÓÑORA ABUÍN, A. et alii (1996): «Aproximación sociolingüística ó Val do Ríu Ellas (Cáceres): Estudio dos usos e actitudes lingüísticas», en J.M. Carrasco González; A. viudas Camarasa (eds.), ACILCF, I, pp.407-414. Cáceres: Universidad de Extremadura.

 

 

VOLVER

 

Ano 2002, Asociación Cultural  Alén do Val

 

Hosted by www.Geocities.ws

1