CONSIDERACIÓNS SOBRE A POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO CULTURAL EN POIO (PONTEVEDRA)[1]

 

 

            Un dos grandes retos ós que se enfrentan moitas sociedades na actualidade é o de protexer, promover, divulgar e aproveita-lo patrimonio natural e cultural que posúen. O achegamemento da natureza e da cultura á sociedade pode redundar nunha mellora da calidade de vida como forma de coñecemento da realidade na que estamos, observando o que nos influíu e nos inflúe na conformación de nós mesmos. Para lograr este obxectivo é necesario protexer e revalorizar zonas de interese cultural e natural, algunhas abandonadas e desaproveitadas, que están en perigo de desaparecer pola urbanización a grande escala que está a ter lugar.

Na actualidade, a posta en valor do patrimonio cultural estase a poñer de relevancia, sobre todo debido á potencialidade de inversións que pode ter a causa do turismo. Tamén está a ter importancia a conservación do espacio natural, e concretamente o ecoloxismo, que está calando en parte da sociedade. Esta relación do patrimonio cultural coa sociedade, o mesmo que a relación da sociedade coas disciplinas humanas e o papel que estas están a desenvolver, xunto ás miñas experiencias vinculadas a eses temas, son algunhas das causas que orixinaron as cuestións que aquí presento. O patrimonio cultural e o natural son os temas sobre os que vai xirar este artigo; concretamente sobre determinadas zonas do concello de Poio que teñen restos arqueolóxicos e unhas potencialidades que espertan a miña atención, e que eu vexo como elementos significativos cos que se pode comezar a facer este tipo de actuacións no concello.  

             Con esa actuación no só poderemos ve-lo presente do lugar, senón tamén o seu pasado, a súa historia, que para nós é unha disciplina de importancia na configuración da nosa sociedade actual, e que parece estar un pouco abandonada a favor de disciplinas que abandeiran o concepto de “utilidade” actual. Efectivamente, unha das formas de coñecemento humano é a Historia. O seu coñecemento válenos para saber de nós mesmos, por qué somos como somos ou por qué chegamos onde chegamos. O coñecemento do pasado ábrenos maiores perspectivas, ó ter acceso a outras formas de estar no mundo. Este é un xeito de enriquecerse, de coñecerse, que axuda a que a xente se desenvolva por si mesma. Co estudio do pasado podemos entende-lo presente. Con el creamos unha identidade, adquirimos unha memoria histórica, colectiva, comprendémo-la nosa evolución,... entendémo-la historia. Un dos xeitos de achegarse ó pasado é a través do patrimonio cultural; porta pola que entramos en contacto con el. O patrimonio tería aí unha das funcións que cumprir: mostrar, divulgar. O patrimonio pode ter diferentes significados, a causa dos diversos intereses sociais, políticos ou económicos, por exemplo. Pero tamén é unha forma de coñecemento, e como tal así hai que tentar que sexa. Agora ben, para iso, e para que o patrimonio que se desexa activar non quede obsoleto co paso dos anos, débese ter en conta e realidade social na que vive, adecuándose a ela, renovándose, cunha oferta que vaia cambiando co tempo.

Certamente todo o patrimonio cultural debería ser protexido e posto en valor, pero iso é algo complexo. Dese xeito débese atender a aquelas zonas que teñan máis posibilidades de seren protexidas a causa das súas características, ou por estaren nunha situación de perigo, cunha activación patrimonial que sexa proveitosa para a sociedade. Así a conservación e a protección non quedarán nunha de tantas actuacións puntuais que se fan, e que ás veces vai en prexuízo (sen querelo) dos propios obxectos que se queren preservar, e si nunha actuación dinámica e continua. A forte presión demográfica que existe na zona das Rías Baixas, en concreto en Poio (sobre todo a zona máis cercana a Pontevedra), xunto á ocupación do espacio agrario e forestal por vivendas residencias ou de verán, está acabando cun espacio natural necesario para unha convivencia en concordancia coa natureza. Faise necesario actuar en determinadas zonas, nas que se poderían crear espacios verdes, onde a xente poida estar en contacto coa natureza. Hoxe en día estanse levando a cabo a creación de moitas zonas de recreo; estes poderían ser outros casos semellantes.

O concello de Poio está situado na marxe dereita da ría de Pontevedra, coa que limita polo sur. Polo norte limita cos concellos de Barro e Meis, polo leste co Pontevedra e polo oeste con Sanxenxo. Poio aparece definida e singularizada pola contraposición dunha planicie litoral variable (duns 0 a 100 m. de altitude aproximadamente) frente ás alturas circundantes. As elevacións máis importantes son o monte Castrove e monte da Tomba, e os cursos fluviais son de escasa importancia.

Se ó chegar a Poio nos achegamos a unha das oficinas de turismo poderemos comprobar como o que se nos ofrece basicamente está concentrado en Combarro e no mosteiro de Poio, ó que se lle sumou a ruta dos muíños de Samieira, xunto ó típico de sol, praias, gastronomía, e todos aqueles elementos que a xente vén buscar ás Rías Baixas.

            Sen embargo existen outros elementos de interese na zona, como poden se-los restos prehistóricos. Deles, os que máis destacan no concello son os petroglifos, tanto pola cantidade como polo temática de moitos dos motivos gravados (ver mapa ...), aspectos ós que nos referiremos máis en particular ó falar das zonas que trataremos. En función deles e da realidade que existe en Poio dúas posibles actuacións patrimoniais que aumentarían a oferta cultural e natural do concello están localizadas unha no Monte da Tomba e outra na zona Combarro-Vilar, que de seguido paso a expoñer:

 

           

O monte da Tomba

 

A Tomba está situada entre os concellos de Pontevedra e Poio. A súa maior parte pertence ó concello de Poio, repartido entre as parroquias de Poio Pequeno (San Salvador de Poio) e Poio Grande (San Xoán de Poio).

Os restos arqueolóxicos coñecidos na Tomba ata a década dos 80 aparecen recollidos no libro de Buenaventura Aparicio Casado Arqueología y antropología cultural de la margen derecha de la ría de Pontevedra (1989). A través dese libro ofrécesenos un panorama no que se aprecian unha boa cantidade de rochas insculturadas, algunhas das cales teñen un peso destacado dentro do Grupo Galaico de Arte Rupestre: falamos da Laxe da Lebres (ou Laia dos cervos), da Pedra Grande de Montecelo e da Laxe das Picadas (ésta no Museo de Pontevedra) que foron declaradas no seu día Monumentos Nacionais números 159, 160 e 161 respectivamente. Unha declaración que parece estar detrás do cercado que aínda hoxe permanece nos dous primeiros, e que a través da oxidación e do deterioro que sufren reflicten a situación de abandono na que se atopan os petroglifos actualmente.

Os petroglifos do Monte da Tomba que se nos mostran nese libro están concentrados na súa aba oriental. Unha imaxe que cambiou na década dos 90 ó atopárense os petroglifos Pozo Ventura e Outeiro da Choqueira na vertente occidental. Ademais, tamén se atoparon novos petroglifos preto das mámoas xunto a algún outro que está entre as mámoas e os petroglifos da Tomba[2], que lle dan unha continuidade maior ó espacio comprendido entre os petroglifos que están na aba oriental e os da occidental. Xunto a iso tamén se sabe da existencia dun asentamento calcolítico próximo ós petroglifos de Montecelo, localizado mediante a realización dunhas sondaxes nunha zona que hoxe está edificada (Antonio Castro, comunicación persoal).

Tamén hai que destaca-la existencia de moitos outeiros dos que se extraeu pedra no Antigo Sistema; en case todos se pode observar algunha pegada dese feito, e en varios existen cruces de época histórica, posibles marcas de término. Un monte no que tamén destaca o aspecto ambiental e ecolóxico xunto á evolución e significado que ten na actualidade para as poboacións ás que pertence.

Estas mostras da actividade do ser humano ó longo do tempo, atendendo á transformación que este espacio está a sufrir, fai pensar en que se deben facer algunhas intervencións para lograr unha adecuada ordenación do territorio. Segundo o dito, paso a considerar algúns dos puntos que estarían a favor do acondicionamento dese espacio natural e arqueolóxico:

·A constante urbanización da Caeira (na aba oriental, que mira a Pontevedra) está chegando cada vez máis arriba do monte, o que supón un achegamento continuo ós petroglifos. Algún desapareceu hai tempo por esa causa. Máis recentemente hai outros que quedaron nun espacio de "ninguén", rodeados de casas e nunha situación moi precaria (casos dos petroglifos Montecelo XVII e XVIII). Aínda así, o núcleo onde están presentes o maior número de petroglifos, e tamén os máis relevantes, a pesar de estar cercados polas construccións a unha distancia moito menor do desexable, fai que se deba pensar en tomar unhas medidas que eviten un maior abandono e deterioro (nalgúns dos casos por estar en sitios que forman parte de carreiros).

·Esas edificacións non só poñen en perigo eses restos arqueolóxicos senón que tamén rompen un espacio natural de grande interese pola súa situación,  a causa dunha falta de planificación urbana en moitos dos casos, no que teñen moito que ve-los intereses individuais.

·Se a Caeira está tan chea de edificacións de tipo residencial é porque ten algún atractivo. Ese atractivo tamén é un dos condicionantes para actuar nesa zona. A súa situación permite unhas magníficas vistas da cidade de Pontevedra e dos seus arredores.

Por isto sería acertado a creación dun parque, ou elemento semellante, que sirva de protección para esa zona e tamén como aproveitamento social. Esta actuación debería ser, nun principio, de dous tipos:

a) A primeira delas estaría centrada en dúas zonas: aquela na que se atopan o maior número de petroglifos (en torno á Laxe das Lebres e Pedra Grande de Montecelo), e outra no espacio no que se sitúan as mámoas. A zona dos petroglifos debería ser acondicionada a partir de dous obxectivos: un orientado á recuperación dos gravados rupestres, e outro orientado a ser unha zona de recreo-descanso-vistas cara a Pontevedra. Os límites desta zona, a grandes rasgos, englobaría o espacio onde están a maior cantidade de petroglifos, podendo chegar ata preto da antena e o lugar onde está o petroglifo Monte da Tomba; sitio que tamén ten moi boas vista cara Pontevedra. Cara o sur englobaría á Escola de Canteiros e arredores. Un tratamento semellante tamén se lle debería dar á zona onde onde están as mámoas. O espacio onde se ubican os petroglifos e a zona das mámoas terían unha comunicación directa e clara[3].

b) A outra actuación[4] englobaría a aqueles outros petroglifos que están noutros lugares do monte, así como a rotas de sendeirismo, e outros lugares de interese que se inclúan no proxecto. Elementos que estarían suficientemente sinalados no monte dunha forma adecuada tanto para o seu entendemento como para a súa integración no medio onde se sitúen (ver mapa...).

No que respecta ó acondicionamento, debería encamiñarse cara unha recuperación da flora prehistórica ou autóctona[5] naqueles lugares que se interpreten como máis significativos e onde se pode entende-lo contexto no que se desenvovlvía  a forma de vida que os restos prehistóricos nos están a atestiguar, así como outras de épocas posteriores e incluso actuais. Unha repoboación que non afectara ós petroglifos e ás mámoas e que respectara certos lugares desde onde se poida ter unha adecuada visión do val do Lérez ou da ría, segundo os casos. Dese xeito o "parque" tería outra particularidade: a de parque natural. Trataríase dun espacio onde a xente poida pasear e observar unha paisaxe desde un lugar acondicionado funcional e esteticamente para eses mesteres. Na actualidade, o ordenamento xurídico dos bens culturais inmobles estase orientando cara unha ordenación global do territorio, no que se inclúe o urbanismo e o medio ambiente: este sería un deses casos.

Habería que actuar sobre os petroglifos respecto da súa conservación e protección, e o mellor xeito de poder ser comprendidos e percibidos polo público. A observación dos gravados non é fácil, sobre todo no caso daqueles que están máis desgastados. Esa cuestión pode ser aínda maior para aquela xente que non está moi relacionada con estes temas. Por iso habería que face-los pertinentes paneis explicativos ó lado de cada petroglifo[6], para que a xente saiba que está mirando. Outros apoios poderían vir de trípticos nos que se explicarían certos aspectos do parque e dos petroglifos. Para a súa observación directa atenderanse ás horas de sol que sexan máis adecuadas para cada gravado e tamén a unha nova forma de mostralos: con luz artificial. A miña experiencia faime pensar que esa sería unha forma moi boa de achega-los petroglifos á sociedade. Algúns petroglifos, quizais aqueles máis relevantes, poderían ter uns focos nalgúns dos seus lados, sempre que sexan adecuados para a realidade que se quere mostrar e non sexan perxudiciais (ou o guía levaría un foco con el: cuestións que se dilucidarían unha vez feitos os estudios pertinentes). Esa iluminación fai posible unha boa percepción dos gravados, que lles fai resalta-la súa beleza, cunha luz que pode crear un ambiente mistérico e algo fantástico, no contexto da noite, podendo espertar curiosidade e admiración (dúas claves importantes para a atracción de visitantes).

O "parque", no caso de que se utilizara a iluminación artificial, tería que abrir nunhas horas nocturnas (ata as 12 no verán e no caso do inverno a ta as dez ou antes, por exemplo) e habería que instalar unha iluminación adecuada, cunha estética que cree unha atmósfera atractiva para a xente; sen olvidarnos de que cumplan a función de posibilita-las visitas nocturnas. Este feito ademais plantexa o tema da seguridade, e da necesidade, ou non, de que certas partes do parque sexan pechadas ou abertas.

A visita poderíase facer cun guía ou individualmente. Sería adecuado facer algún tipo de circuíto para as visitas que permita unha visión o máis clara dos gravados, explicándolle á xente cales son os mellores momentos de observación. Inculcaríase un respecto cara eles e ensinaríase a forma de tratalos sen danalos (non rascar neles, non pisar, etc.)[7]. Nas visitas terían cabida explicacións sobre os petroglifos, de por qué se fixeron, cando, por quen, etc.

A través deses gravados rupestres tamén nos podemos introducir na actualidade, na sociedade tradicional, a partir das elaboracións simbólicas que se facían dos petroglifos e doutros elementos culturais e naturais[8]. Estes serían algúns dos temas que se podían aproveitar dos gravados rupestres respecto da nosa historia. Ademais, con eses temas tamén se inculcarían un respecto ó patrimonio, como se debe conservar, que non se debe facer...

Estes temas, que se poden sacar dos petroglifos e do medio natural, poden ser apoiados con algunha exposición. Estas irían cambiando co tempo, sobre temas que se consideren oportunos. Unhas veces poderíanse atopar lazos de unión entre o exposto e o parque, que é posible polas grandes posibilidades que posúe. Debemos contemplar tamén a posibilidade de facer reproduccións que se sumen ó labor didáctico do parque, e que poderían estar nunha sede que faría de centro de interpretación do parque.

Non hai que olvidar que temos outros atractivos, como as mámoas e a gran potencialidade que nos ofrece a paisaxe que divisamos da cidade de Pontevedra e arredores. Esa paisaxe non só nos permite falar do pasado e da súa evolución senón tamén do presente, que ten tanto interese como o pasado; ademais de que está vivo e os seus elementos poden ser estudiados en toda a súa complexidade e proceso evolutivo. Por este feito, o monte non debe ser cambiado na súa totalidade (como xa indiquei nunha nota anterior), tamén se debe conserva-lo presente, o aproveitamento que a xente e a comunidade de montes fai del. Dese xeito mantense o aproveitamento económico que na actualidade aínda moitos individuos fan do monte e, á súa vez, pódese observa-lo presente do monte, que tamén se pode comparar coas partes nas que se fixo unha actuación no medio natural. Unha nova posibilidade de oferta para a xente.

Ese presente tamén está nas vistas que se teñen desde o lugar, sobre todo cara a cidade de Pontevedra. E se nos fixamos, tamén podemos ve-lo pasado a través dos restos que da cidade quedan, como a zona monumental; dese xeito pódese facer un percorrido pola súa historia. Esa viaxe poderíase apoiar con láminas da cidade de periodos históricos determinados, ou fotos antigas. Con elas observaríase a evolución da cidade. Iso, ademais, uniríase co tema das exposicións e, segundo sexa, invitarase a mirar ó público unha ou outra cara de Pontevedra. A ocupación do espacio pode ser un bo argumento para mostra-la evolución da cidade e arredores, e tamén sería un apoio para falar do pasado.

Un lugar desde onde serían factibles esas vistas é a zona onde están os repetidores de televisión. Na actualidade é unha zona que está sendo cuberta con terra. Poderíase acondicionar para atraer xente que visite Pontevedra e arredores en excursións ou individualmete. Faríase del un lugar de referencia para os visitantes, e tamén para os que aquí vivimos, co que entrarían en contacto coa realidade que visitan. O acondicionamento[9] non só habilitaría a zona para poder ser visitada, senón que tamén a adecuaría para o disfrute das vistas, con lugares para descansar, miradores... Con iso a xente pode observar con detalle a cidade de Pontevedra, os arredores, e outras partes da ría de Pontevedra.

Temos, polo tanto, unhas grandes posibilidades de coñecemento que ben encamiñadas son un factor que axudaría na dinamización das mostras que se vaian facendo; ademais dos referentes máis fixos, como os petroglifos, as vistas, a flora, etc. Dese xeito ós visitantes pódeselles ofrece-los elementos de base do parque (restos arqueolóxicos, natureza), as actuacións que se vaian facendo con eles, e unha visión do presente e do pasado.

Xunto a iso, tamén se poden crear un tipo de visitas máis didácticas para estudiantes de tódalas idades, que poderán comprender mellor aquelas asignaturas que teñan que ver co tempo e co espacio, a través do estudio e observación daquilo que teñen próximo; e doutras asignaturas como a conservación e recuperación do espacio cultural e natural que aparecen nos programas da ESO. Poderíanse facer cursos dirixidos a estudiantes (neste caso habería que ve-las posibilidades de chegar a acordos coas institucións educativas), ou para persoal adulto, cos que se lles achegue a prehistoria, mediante temas diversos: como a cerámica, as armas, a caza, a pintura, etc., incluíndo prácticas que introduciran á xente no ambiente. Isto tamén se pode aplicar a outros periodos históricos e máis recentes, desde a época romana ata oficios tradicionais que aí se poderían mostrar e explicar. As posibilidades son moitas. Cada ano poderíase facer unha determinada unidade didáctica. Para logralo habería que formar un equipo con especialistas na investigación e na didáctica, entre outros.

Quizais nun momento máis avanzado se podería pensar nalgún tipo de reproducción (cabañas, xente do neolítico, labores cotiás prehistóricas e históricas, etc.), ou actuacións arqueolóxicas (escavación) tanto para obter máis coñecemento do lugar como para que a xente entenda o proceso de investigación mediante o que se chega a saber da poboación prehistórica. Ou incluso representacións teatrais..., tanto nun lugar fixo como en determinados lugares do parque co que se representaría algún momento do pasado. Tan só se trata dunhas ideas, pero temos "espellos" polos que nos podemos ir guiando, tanto en Altamira, como en Foz Coa, Valcamónica e outros moitos parques que están a funcionar na península e fóra dela. 

Trátase de que o concepto de espacio englobe tanto á paisaxe coma ó territorio. No que a xeografía sexa entendida como fonte de información imprenscindible para o coñecemento de como se desenvolveu a vida da comunidade. Non só atendendo ós restos visibles senón tamén fixándonos no ambiente no que se movía a sociedade, a percepción que tiñan del e a forma de interactuar. Tentaríase reconstruí-las paisaxes sociais de épocas pasadas e observa-los procesos de cambio e continuidade que están na xénese da paisaxe actual. O medio ambiente débese compatibilizar co desenvolvemento, e a eficacia coa historia; elementos eses e outros que hoxe aparecen moi enfrentados.

Dicir isto é dicir moito. Case hai que pensar nun centro de estudios. Que podería ser, ademais, un apoio a outras institucións educativas. Unha especie de granxa escola, pero non só orientada á natureza, senón tamén á cultura (que se faría chegar á sociedade a través duns instrumentos menos convencionais cós habituais, dando importancia ó contexto e á comprensión, a través do contacto, da práctica). Isto parece que é falar para a feira, polo que hai que atender ás actuacións máis reais a curto prazo.

Os comezos deben ser realistas, e haberá que ir a modo. Para empezar haberíase que facer co terreo dos petroglifos e mámoas. A partir de aí poderíase empezar a andar. Logo, para conseguir facer moito do dito, necesitarase un grupo de xente que se faga cargo da xestión do parque. Iso podería ser moi custoso, mais é posible que non o sexa tanto. Temos un edificio no que se poden facer certas cousas: a Escola de Canteiros; que ademais tamén se pode involucrar nalgunha actividade do parque. Quizais é o único seguro que temos, polo que hai que buscar outras alternativas.Unha delas son as asociacións culturais e voluntarios. Algunhas delas estou seguro de que poderían facer algún tipo de traballo para o parque.

Pero tamén temos outras posibilidades, como son as Universidades. Non sei ata que punto lle pode interesar este tema, pero si que o parque ten relación co que eles fan. Con respecto á Universidade de Vigo, e en concreto co campus de Pontevedra, poderíase atopar un asesoramento. No caso da Escola de Restauración, eles poderían asesorar respecto da mellor forma de conservación dos restos prehistóricos, ademais que sería un bo lugar para as súas prácticas ou coñecemento en directo do tema. Tamén diría o mesmo da Escola de Forestais, que terían unha fonte de coñecemento na flora que se plantaría. Na Facultade de Bioloxía tamén se pode buscar asesoramento para as especies naturais. A escola de Publicidade (ou Turismo) podería ser tamén de axuda; poderá haber becarios que axudaran na xestión do parque, como guías, etc. Por outra banda, o Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago (A Facultade de Historia concretamente), tamén poderían ser unha fonte de asesoramento, tanto para o tipo de actuación que se pode levar a cabo como para as investigacións que se poden ir desenvolvendo co funcionamento do parque. Un lugar no que se poden facer exposicións e cursos de todo tipo. Con todos eles poderíase facer un equipo moi preparado, que darían poucos gastos ó seren traballadores de institucións públicas, ademais de poder ser un campo de prácticas. O problema quizais sería a súa coordinación, aínda que o tema económico tamén tería a súa miga. Para iso, se as intitucións públicas non puideran enfrentarse a tales gastos é posible que se poida atopar algunha aportación privada: Bancos, Caixas de Aforros, Fundacións, etc.

Ata aquí esta pequena exposición de ideas sobre o "parque" da Tomba. Están descritas dun xeito superficial, e tenta ser unha pequena aportación que axude á "construcción" dos inicios dun proxecto para o monte da Tomba a través da exposición de posibles ideas.

 

 

Zona Combarro-Vilar

 

No lugar de Vilar, na parroquia de Poio Grande, ó lado da parroquia de Combarro, atópanse uns petroglifos[10], achados no ano 2000, nunha zona que ten certos atractivos e con fácil acceso. Debido ó seu recente descubrimento a súa localización non é tan familiar como pode se-la dos petroglifos da Caeira para a maioría da xente. Os seus motivos terán que esperar un estudio que nolos mostren con claridade (un proxecto no que estamos traballando e que esperamos realizar unha vez dispoñamos dos convenientes permisos). É unha zona húmida e abrigada. Un dos accesos, unha vez estemos en Vilar, faise por un camiño empedrado que comeza ó lado dun muíño, que ata moi pouco estivo en uso, e vai dar ata un pozo de regar (o Pozo do Ballote). Cerca dese pozo atópanse unhas laxes, bastante cubertas pola vexetación, de granito fino. Puiden observar que son varias as que aparecen gravadas, aínda que se necesitaría facer un limpeza para saber a extensión dos motivos polas rochas e tamén unha prospección por esa zona e arredores para  localizar tódalas rochas que están insculturadas. Neste lugar poderíase facer unha intervención orientada ó estudio dos petroglifos e ó seu acondicionamento para seren visitados, como tamén a unha recuperación do muíño e unha limpeza do camiño empedrado. Ó igual que dixemos para unha parte da Tomba, neste espacio tamén se poderían retira-los eucaliptos e pinos e no seu lugar repoboa-la zona con árbores autóctonas ou especies que estiveran presentes na época en que se fixeron os petroglifos.

A parte dese atractivo que ten a zona en sí, tanto polo que posúe como polo que se pode observar desde ela, a súa situación fai que teña próxima outros atractivos que agora sinalarei. A súa situación está a 260 metros de altitude, aínda que está preto da costa, a 3 quilómetros, que se poden recorrer pola estrada que comunica Vilar coa  estrada C-550, que percorre a costa. Pero antes de tomar ese desvío, aqueles que visiten a zona poden pararse en Combarro, que está declarado conxunto histórico-artístico, e que é moi famosa polas súas palleiras (hórreos). Desde aí, unha vez visitado Combarro, podemos inicia-la subida cara Vilar. Nese camiño atopámonos co lugar do Pereiro, quen ten no lugar da Sividá un castro (Aparicio Casado, 1989). Foi este autor quen me suxeriu que era un lugar que debería ser escavado e no que se podería aproveita-lo tirón turístico de Cambarro para facer algún tipo de valorización patrimonial no lugar. Penso que é unha idea moi boa. A escavación podería ser aproveitada para mostrar ó público como é ese proceso de investigación arqueolóxico e os apoios utilizados para tal fin[11]. De feito pódese pensar nalgún tipo de reconstrucción, na mostra dun perfil na que se vexa o proceso de escavación nun determinado momento, e outros apoios gráficos e doutro tipo que se poidan utilizar. Todo iso tendo en conta que a escavación sería de grande interese para saber un pouco máis da cultura castrexa e da romanización no concello de Poio e na marxe da ría de Pontevedra, do que non se coñece moito.

Acabada a visita ó castro, e observando as vistas que desde aí se teñen da ría, continuámo-lo noso camiño, que volverá a deterse uns metros máis arriba para ver, e incluso visitar, os muíños da Banda do Río. Un espacio que se se recupera podería introducir ó visitante na sociedade tradicional galega.

A seguinte parada xa serán os petroglifos de Vilar, unha zona que se debería recuperar, como antes dixemos. Feita a visita ós petroglifos, ós muíños, ó castro, e a Combarro, (lugares todos nos que se debe dar unha información gráfica ou de calquera outro tipo, cada un adecuada á realidade que expón), podemos dirixirnos ata unha zona de recreo que ten a comunidade de montes de Combarro e na que se pode comer mentres se contempla a ría. Esta zona está a uns 500 metros de Vilar, seguindo a estrada e logo xirando á esquerda seguindo a sinalización do campo de fútbol de Combarro. Ademais, a uns 150 metros da zona de recreo tamén temos dous petroglifos ó lado do camiño que poderemos observar (Xuviño XIII e XIV). A partir de aí, pódese seguir cunha visita polo monte, para acadar lugares con boas vistas da ría ou para observar outros petroglifos, ou retornar cara Combarro. No caso de ir pola ruta do monte, pódese conectar coa ruta dos muíños de Samieira na Pedra da Tartaruga, un outeiro no que hai unhas magníficas vistas da ría e tamén un outeiro bonito por si mesmo; por esa ruta tamén se poden visita-los petroglifos de Samieira. Pola contra, se collemos cara Combarro tamén se poderán atopar máis petroglifos (os do Outeiro do Xubiño e os de Combarro). Unha vez chegados a Combarro poderemos contemplar un pouco o mar mentres tomamos un aperitivo e se mete o día[12].

O lugar é atractivo, e existe un potencial de xente que pode visita-la zona, tan só hai que face-la atractiva. De feito hai que darse conta que polo concello de Poio pasa a estrada C-550, que comunica Sanxenxo con Pontevedra, e que no verán está moi saturada de visitantes. Se ben é certo que o perfil deses turistas pode parecernos que non é o que máis se adecúa a esas visitas, a realidade é que se as cousas se fan ben pode dar resultado, sempre coa conservación dos lugares como obxectivo primordial. Sei que hai que pensar no rendemento económico e eses outros aspectos que tanto valoramos na sociedade actual, pero non me vou meter niso, ha de haber quen o faga. O que si hai que atender, se algo así vai adiante, é que a cultura debe estar por diante, así como tamén hai que contar coa opinión e os intereses da xente que alí vive, e a idiosincrasia que a zona posúe.

  

 

Para finalizar

 

Fálase moito de que a sociedade non está concienciada sobre o valor de moito do patrimonio arqueolóxico, e que se debe conseguir esa concienciación. Unha concienciación que estamos fartos de escoitar e de dicir que é boa, porque así vemos que é para nós (os que dunha maneira ou doutra estamos interesados ou traballamos nestes temas). Pero, ¿non sería necesario escudriñar nesa bondade e poñela de manifesto?, ¿en que se basea?.

Hai que darse conta de que ese interese é semellante ós que teñen outros profesionais e afeccionados a outros aspectos da vida e do seu traballo. Escoitamos continuamente como hai queixas de que non se escoita a suficiente música, que non hai espacios e ofertas de ocio para toda a xente, que a educación ten moitas carencias, e outros aspectos que podemos sumar ós intereses que cada un ten no seu traballo ou negocio: a xente compra poucos coches, os supermercados están tendo un baixón nas súas vendas, hai poucas construccións, pouca oferta de prazas hoteleiras, non hai suficientes encoros, etc. Cada un tira para o seu carro e os seus intereses. Supoño que hai que darse conta de que todos terán razón, ata un determinado límite. O importante é saber ata onde queremos chegar e que é o que nos leva a face-lo que facemos. Logo debemos tentar reflexionar no que é o mellor para todos nós, tendo en conta tódolos aspectos que forman parte da nosa vida, e non só os económicos.

            Necesitamos coñece-lo pasado para actuar no presente e con vistas ó futuro. De feito estamos actuando segundo o que no noso pasado aprendemos. A un nivel colectivo iso é o que tamén fan os grupos. Polo tanto unha das necesidades da historia, do estudio do pasado, é poñer de manifesto "o espíritu" do pasado que guía, en parte, os nosos actos. É necesario para iso mostra-la verdade do pasado, que terá moitas caras, ou polo menos esa será a apariencia que a nós nos teña, pero que nos será útil para a sociedade presente, buscando aquelas forma de actuar que cremos que debemos asumir.

Por outra banda, a Historia ten moitas funcións, e unha podería se-la de exercer como unha especie de "rede" ou "colchón" que amortigüe a nosa caída da "corda froxa" pola que camiñamos; ademais de exercer de quitamedos ou, máis claramente, de estructura social invisible. Somos animais históricos, queiramos ou non. En cada un de nós hai un concepto de pasado, tanto individual como colectivo, e nalgún momento preguntamos por el, ¿cómo era antes aquilo/nós?, e, aínda que non o fagamos, o que somos sómo-lo polo noso pasado.

A Historia analiza o pasado, co obxectivo de clarificalo. O estudio depende da época e da sociedade en que se sitúe o investigador, pois, segundo sexa, buscará un determinado aspecto do pasado. Búscase con iso achegar un pouco de luz ó presente e dese xeito observa-lo presente cunha perspectiva máis ampla coa que intentar humaniza-la vida actual .

É necesario mostra-la historia por moitos motivos. Un é o referido a que se debe ensinar para asentar á xente no mundo, para que se vexa identificado co mundo, para que se vexa como unha parte do mundo, para que todo o feito o vexa como algo seu. Dese xeito podemos evitar ese distanciamento que moitas persoas senten frente a sociedade onde todo lles é estraño e incomprensible, como algo que non ten nada que ver con eles. Temos que mostrar que somos, se se me permite dicilo, un eslabón da cadea, que debemos seguir avanzando e conseguindo novos obxectivos tendo como bagaxe o noso pasado...: «la historia de la ciencia debe contarse como la creación de conocimientos, y no como la anulación de la ignorancia» (Marina, 1998: 238-239). Os avances non se deben ver como rupturas senón como continuacións, e o pasado seguramente ten cousas aproveitables.

Vai ser difícil asumir iso, pero haberá que recordalo de vez en cando, polo menos como fórmula para non perde-lo norte que nos marcamos.

 

Miguel A. Sartal Lorenzo

Poio, 2000 (revisado en febreiro 2002)

 

VOLVER                                                                                         INICIO

 

Bibliografía

 

APARICIO CASADO, Buenaventura (1989): Arqueología y antropología cultural de la margen derecha de la ría de Pontevedra. Diputación Provincial de Pontevedra.

BALLART i HERNÁNDEZ, Josep Mª; PETIT i MENDIZABAL, Mª dels (1996): «El valor del Patrimonio Histórico», Complutum Extra, 6 (II). Homenaje al profesor Manuel Fernández-Miranda. Pp. 215-224.

BERMEJO BARRERA, José Carlos (1994): Entre Historia y Filosofía. Madrid. Akal ediciones.

LOWENTHAL, David (1998): El pasado es un país extraño. Madrid. Ediciones Akal. (orix. 1985).

MARINA, José Antonio (1998): Ética para náufragos. Barcelona. Ed. Anagrama (1º ed. 1995).

MARTÍN DE LA CRUZ, J. C.; DELGADO FERNÁNDEZ, M. R. (2000): «Ategua: un reto para la gestión del patrimonio arqueológico», Revista de Arqueología, nº 230, pp. 6-13.

PRATS, Llorenç (1997): Antropología y patrimonio. Barcelona. Editorial Ariel.

QUEROL, Mª Ángeles (1992): «Los mecanismos de protección del patrimonio arqueológico», Trabajos de Prehistoria, 49, pp. 27-34.

QUEROL, M. Ángeles (1999): «¿Qué enseñamos? Consideraciones previas a la conservación y difusión de yacimientos arqueológicos»,  Actas del XXV Congreso Nacional de Arqueolgía (Valencia, del 24 al 27 de febrero de 1999). Diputació de València, pp. 13-20.

RIQUELME CANTAL, José A.; MORENO JIMENEZ, Francisco (1999): «La Cueva de las Ventanas: Difusión del Patrimonio Arqueológico», Revista de Arqueología, nº 224, pp. 6-13.

RODRIGUEZ TEMIÑO, Ignacio (1998) «Nuevas perspectivas en la protección del patrimonio arqueológico en el medio rural», Complutum, 9, pp. 293-310.

SARTAL LORENZO, Miguel A. (1999a): «O petroglifo Pozo Ventura (Poio, Pontevedra)», Gallaecia, nº 18, pp.119-135.

SARTAL LORENZO, Miguel A. (1999b): Prospección arqueolóxica no lugar de Liñares. Estudio dun novo petroglifo e prospección do seu contorno inmediato no concello de Poio (Pontevedra). Memoria depositada na Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, e tamén no Museo de Pontevedra, onde se pode consultar.

SARTAL LORENZO, Miguel A. (2000): Espacio, percepción e mentalidade. Cultura tradicional e cultura moderna en San Xoán de Poio (Pontevedra). Tese de licenciatura inédita. Universidade de Santiago de Compostela.

SARTAL LORENZO, Miguel A. (1999): «Petroglifos Pozo Ventura e Outeiro da Choqueira (Poio, Pontevedra): novas aportacións ó tema das relacións», en Congreso Internacional de Arte Rupestre Europea (Vigo, 24-28 de noviembre de 1999).

SARTAL LORENZO, Miguel A. (2001): «Novos petroglifos e un posible castro en Poio (Pontevedra)», Gallaecia, nº  20.

 



[1] As ideas aquí presentes, sobre todo as relacionadas coa posta en valor do Monte da Tomba, foron presentadas ó concelleiro de urbanismo do Concello de Poio no ano 2000. Na actualidade están a levar a cabo a creación dun parque arqueolóxico e un centro de interpretación nese lugar.

[2] Localizado por Tomos, S.L., a causa da prospección que fixeron neste monte Santiago Vázquez e Beatriz Comendador.

 

[3] Esta é unha zona na que se poden facer as actuacións que de seguido expoñoi, sobre todo a zona onde se atopan os petroglifos de Montecelo. Os outros restos que inclúo na seguinte zona de actuación terían actuacións puntuais no seu entorno máis inmediato tanto para protexelos como para posibilita-las visitas. Outro tipo de actuacións a maiores penso que polo de agora non se deberían facer, xa que son zonas que aínda teñen unha relación importante coas aldeas da zona, que utilizan esas zonas de monte: son espacios “vivos” que tamén nos mostran unha realidade, o presente do rural.

[4] A que facemos referencia pero na que non profundizaremos porque serían decisións que se tomarían logo dun estudio máis profundo.

[5] Aí entrarían aspectos botánicos e biolóxicos que lle darían unha estética atractiva, ademais de poder ser un lugar onde recoñecer e observar diferentes especies vexetais. O tema da fauna tamén se podería atender, aínda que se podería deixar para máis adiante ó ser máis problemático, xa que afectarían moito máis ó aproveitamento do monte que se fai na actualidade.

[6] Paneis que non deben ser moi notorios e si adaptados ó medio: deben ser un apoio e non o elemento principal.

 

[7] Un tema complexo nos días de hoxe, a protección e conservación dos petroglifos. ¿Cómo mostra-los petroglifos sen que se deterioren? Estamos pensando en se sería mellor trasladar aqueles petroglifos que están en rochas na superficie e que teñen moitas probabilidades de deteriorarse e desaparecer, e sustituílos por reproduccións ou algo semellante no caso de que se vexa necesario, como forma de velos no seu contexto: este é un tema que hai que afrontar canto antes, pois unha vez que se destrúen pérdese un documento histórico real e único para sempre.

[8]Lendas de mouros e mouras, de serpes,... comprendendo, entón, como pensaba e era a sociedade tradicional. Tema que se podería aproveitar para falar doutros aspectos históricos que están entre a orixe deses petroglifos e o significado que posteriormente se lle dan; ademais de poder falar doutro tipo de gravados, do aproveitamento que se fixo e fai do monte, etc.

[9] Esta actuación debe ser moi sopesada debido ó impacto que pode ter nese medio.

[10] Sartal Lorenzo, 2001.

[11] Recentemente tamén se descubriu un posible xacemento galaico-romano (Sartal Lorenzo, 2001)que podería entrar nese tipo de actuación.

[12] Esta sería unha posible rota, pois na zona poden facerse varias alternativas. A rota debemos decidila segundo os resultados que se fagan dunha análise en profundidae dos elemtentos da zona en relación ó seu mellor aproveitamento turístico.

Hosted by www.Geocities.ws

1