A REALIDADE CÉLTICA EN GALICIA E A TEORÍA DA CONTINUIDADE PALEOLÍTICA

 

Miguel A. Sartal Lorenzo[1]

 

O tema do celtismo estivo moi presente na historiografía da prehistoria de Galicia, e segue a estar presente na actualidade. Foi no século XIX cando esta cuestión se asenta como corrente historiográfica, sendo a finais desa centuria o elemento básico e definidor da identidade galega, de onde derivaría o carácter da xente, os costumes ou as súas crenzas, e logrando espallar estas teses entre a poboación, polo que aínda hoxe é un ingrediente básico do imaxinario auto-identificador do pobo galego (Pereira, 2003: 441).

A finais do século XX xurdiu entre os historiadores e arqueólogos de Galicia unha oposición fronte a esas teses celtistas, sobre todo no tocante ás teorías invasionistas ou aquelas que falaban dunha raza celta. Neste mesmo período reformúlanse esas teorías, presentando puntos de vista diferentes das decimonónicas, xa que se pon énfase en aspectos máis culturais, lingüísticos e globais. Con isto, a identificación do celtismo coa identidade e a raza parecía quedar nun segundo plano (VV.AA., 1999. Díaz Santana, 2002. Ruiz Zapatero, 2005. González García, 2007). Sen embargo aínda quedan entre a poboación reminiscencias dese pensamento identitario baseado na raza céltica, que lle serve a algunhas persoas como razón na que cimentar unha definición do carácter da poboación galega, de forma semellante ás reflexións que se propoñían no século XIX. Esta percepción vén axudada de novos estudios que fan fincapé na xenética, e que son utilizados para reforzar ideas e desexos:

 

«A xenética acaba de poñer definitivamente as cousas no seu lugar, os galegos e galegas, ou cando menos a maioría deles, son iguais no ADN cos que habitan Gales, en primeiro lugar, e despois Irlanda, Escocia, Suecia e mesmo Islandia. Mentres que teñen unha composisión xenética menos común cos que integran o Estado español. Trátase de investigacións feitas en Inglaterra, polo que non se poden deslexitimar dicindo que queren favorecer a unha determinada opinión histórica; por exemplo, no debate encol dos celtas na Galiza» (Mera, 2006).

 

Noutros casos proponse un celtismo que procedería de tempos moi remotos, e moi anteriores á Idade de Ferro, tentándose dar unha unidade a uns tempos nos que é difícil falar de culturas e de pobos. Este é o caso da Teoría da Continuidade Paleolítica (de agora en diante tamén TCP) de Francesco Benozzo e Mario Alinei[2] nas que, buscando a raíz lingüística do actual galego, se fai un percorrido pola prehistoria europea, comparándoa coa galega, poñendo fincapé naqueles lugares e cousas que para eles teñen unha identidade céltica, e chegando a conclusións que emparentan esa teoría coa forma de entender o celtismo que estamos a indicar:

 

«Non só os territorios da actual Galiza foron poboados por poboacións célticas, senón que ademais estas formaban parte, xa no Paleolítico, xunto coas actuais illas británicas (nesa época aínda non eran illas) e cos territorios do Occidente atlántico francés, da patria orixinaria do protocéltico. Esta unidade cultural atlántica resulta evidente cando menos por cinco factores: un de tipo xenético; un de tipo lexendario; un de tipo arqueolóxico-cultural; un de tipo mitolóxico-relixioso; o quinto factor –que é o máis importante– ven representado polo fenómeno do megalitismo»

(Benozzo; Alinei: http://www.continuitas.com/benozzoalinei_areagallega.pdf.)

 

Teoría esta que parece reforzar os pensamentos daqueles que buscan a identidade galega en tempos prehistóricos:

 

«Vainos a vida como pobo en determinar claramente os sinais da nosa identidade que semellan arraizarse no primeiro espertar da humanidade actual. A necesidade dun plano de investigacion multidisciplinar sobre o feito de sermos galegos desde a prehistoria até hoxe, é fundamental para sabérmonos pobo e patria. E esta debe ser a tarefa primeira dun goberno que se di progresista e nacional» (Roel, consultado en 2008).

 

Como sabemos, o tema do celtismo ten moita forza, por moi polisémico que sexa o concepto de celta (Ruiz Zapatero, 2002: 7), ou tal vez de aí lle vén a súa fortaleza e fácil adaptación ós novos tempos. Debemos asumir que o “celta e o celtismo” forman parte da nosa sociedade actual, desde moitos puntos de vista e con significados diversos. Dito isto, é verdade que se pode suxerir ou entrever a presencia de elementos célticos durante a prehistoria no Noroeste peninsular, pero outra cousa é tentar definir a certas poboación como célticas cando nin sequera temos definido con claridade ese concepto[3]. Ademais, o concepto de celta é tan ambiguo que o podemos adaptar a moitos contextos e situacións, co perigo das xeneralizacións que iso pode traer. Neste artigo queremos advertir dese exceso de xeneralización, e incluso da longa sombra do celtismo que parece facerse co papel de voceiro do mundo pagán[4] e antirromano, oscurecendo outras realidades.

 

 

 O Celtismo e a Teoría da Continuidade Paleolítica

 

A Teoría da Continuidade Paleolítica (TCP) ten a particularidade de presentar unha celticidade que tería as súas raíces en períodos prehistóricos máis antigos cá Idade de Ferro, tales como o neolítico, ou incluso anteriores. Deixando de lado o estudio propiamente lingüístico desa teoría, e o que entendemos por identidade céltica, o certo é que o uso que fan dos datos arqueolóxicos e prehistóricos é parcial, poñendo énfase en realidades como as do megalitismo galego en comparación coas doutras zonas de Europa, usando determinadas similitudes, aínda que os exemplos tomados non sempre sexan dos máis representativos do que hoxe se coñece en Galicia (caso dos menhires), e sen mostrar as grandes diferenzas que había entre unhas realidades e outras. Ademais, outras manifestacións da prehistoria galega, de importancia considerable, como a dos petroglifos, pasan inadvertidas, tal vez porque non é un fenómeno que ocupe todos os lugares que eles toman como célticos.

A TCP considera a celticidade do Noroeste Peninsular como o froito dunha unidade cultural atlántica que vén motivada por cinco factores (Benozzo; Alinei, 2008), como quedou reflectido nunha cita anterior: o xenético, o lendario, o arqueolóxico–cultural, o mítico-relixioso, e o megalitismo. É dicir, que a TCP parece admitir unha unidade de certos pobos europeos que estarían baixo o paraugas do fenómeno celta, onde a xenética xogaría o seu papel, a pesar de que iso, como sabemos, non ten por que ter unha correspondencia necesaria coa cultura. O celta parece abarcalo todo, aínda que sigamos sen saber que é o celta, ou a qué tipo de celta se refiren os autores da TCP, máis aínda cando existen moitos estudios que non coinciden con esa visión de unidade cultural do “celta”, porque é coñecido que os deuses considerados celtas non son os mesmos en todos os territorios chamados celtas, a lingua ou dialecto tampouco parece mostrar unha unidade clara senón que existen diverxencias moi sinaladas, e os ritos funerarios son diferentes, ó igual cá arquitectura ou a cultura material, polo que o modelo céltico é difícil de encaixar no termo cultura (González Ruibal, 2006-2007: 462. Bermejo, 2007: 100).

Os argumentos da TCP son moi febles se o que busca é demostrar a existencia dunha cultura celta. A teoría parte de elementos demasiado xerais para tratar de enmarcar un fenómeno cultural, sobre todo se o vemos desde unha perspectiva contemporánea, onde as culturas hoxe en día se enfocan máis na localidadde que en grandes rexións. Efectivamente, se podemos ver unha unidade nas xentes desa Europa Prehistórica en terreos tan amplos da costa atlántica, tamén poderiamos ver a mesma unidade, ou maior, na forma de vida preindustrial do occidente europeo, ou incluso na forma de vida actual. De feito, un galego urbano de hoxe seguramente ten moito máis en común cun valenciano ou europeo urbanos que un habitante do Noroeste no II milenio a. C. con outro de Irlanda. Sen embargo, moitos atopan facilmente semellanzas entre eses habitantes da prehistoria e diferenzas entre o galego e o valenciano. Pola contra, tamén hai casos nos que hai quen considera «infructuoso buscar una identidad galaica prerromana y en cambio no le parezca lo mismo con la Céltica universal, en la que se comparten costumbres, organización social y religión a través de miles de kilómetros» (González Ruibal, 2006-2007: 61). En fin, que parece que cada un fala da feira segundo lle vai. Pero debemos ser conscientes de que se pode falar de cultura galega, ou dos Ancares, ou das Rías Baixas, ou cultura mariñeira, ou cultura española, ou europea, ou occidental... ou de calquera que propoñamos, porque os límites poñémolos nós. Aínda máis, o tema da identidade é tan complexo, e persoal tamén, que incluso se pode chegar a dubidar de que se poida falar dunha identidade propia dunha cultura (Bermejo, 2007: 111).

A unidade mitolóxica-relixiosa (o mesmo que a lendaria) que nos propoñen Benozzo e Alinei tamén é un argumento moi feble, porque os datos que nos presentan como característicos dese mundo celta son datos que poden ser rastrexados en moitas zonas indoeuropeas, tal e como nolo mostrou Dumézil, sobre todo cando falamos de cuestións como a soberanía, a fertilidade e a guerra, que non serían moi diferentes en toda Europa naquela época (González Ruibal, 2006-2007: 462), por non facer comparacións con outros continentes e poboacións. Debemos recordar que estamos en tempos nas que a relación do ser humano co mundo natural é moi próxima, e esa relación existiu naqueles tempos en todos os pobos europeos. É moi fácil confundir esa proximidade con dicir que existía unha cultura semellante entre todos eles. Do mesmo xeito poderiamos estar a falar de cultura neanderthal, ou sapiens, ou do Homo antecessor, por non dicir que todos vimos de África. Tampouco podemos olvidar que esas semellanzas na cultura tradicional que se observan entre as chamadas “rexións célticas” poden deberse a que son lugares onde a industrialización chegou máis tarde, o que permitiu a conservación de formas de vida preindustriais e tradicionais «ás cales a ilustración europea só puido chegar con considerable retraso» (Radatz, 2004), pero que logo se converten en lugares comúns onde buscar unhas determinadas raíces e orixes que se necesitan para facer fronte á nova forma de vida industrial e urbana.

Outro dos elementos nos que se apoia a TCP é a toponimia, xa que en Galicia existen topónimos con raíz “céltica”. Este pode se un indicador da celticidade desa zona, pero tamén pode indicar a presencia de xente foránea. Efectivamente, sabemos da existencia dalgún pobo, como Os Céltigos, que estaban no norte de Gallaecia. Pero iso non quere dicir que toda Galicia fose céltica, xa que tanto si eran chamados Céltigos por eles mesmos como se o nome lle veu dado desde o exterior, debeu ser porque existía algún trazo que os facía diferentes dos arredores. De ser así, non debía de haber moitos celtas por esa zona, ó igual que en Castela hai pobos chamados Gallegos, o que non quere dicir que Castela sexa galega.

É de esperar que novos estudios poidan modificar esa Teoría da Continuidade Paleolítica. O estudio parécenos demasiado xeral e algo deficiente para tentar explicar o tema céltico, que tan cheo de dúbidas está. É máis, cadra co tipo de estudios nos que, tomando as palabras de Bermejo Barrera, «os resultados da investigación son previsibles: atópase o que se quere atopar. Trasládanse arbitrariamente realidades doutros países e pobos célticos a Galicia e consecuentemente utilízase a evidencia que convén, de forma bastante libre, e ocúltase toda a demais» (Bermejo, 2007: 101). O certo é que esa “celticidade” e ese mundo “Celta” do que tanto se fala segue sen atopar un sitio claro, e continúa sendo un caixón de sastre, un lugar ó que podemos recorrer para acougar a nosa existencia.

 

 

O coñecemento do entorno e a creación do concepto Celta

 

É chamativa a semellanza de perspectiva que a TCP ten coas teorías propostas nos anos sesenta do século XX por Anatti para os petroglifos galaicos. Nesta última mostrábase unha secuencia sobre a arte rupestre prehistórica ó aire libre en Galicia que estudios posteriores desbotaron (aínda que nos últimos tempos as súas teses volvan a resonar entre nós a causa de novas investigacións que seguen liñas similares ás de Anatti). O artigo de Benozzo e Alinei ten no fondo un certo aire con ese estudio dos petroglifos: ámbolos dous tentan explicar o todo, cunha continuidade que parece esaxerada, onde as formas quedan anuladas por un fondo que se quere mostrar a toda costa. Será esta unha consecuencia de ver as cousas desde unha “perspectiva italiana”, desde onde esta esquina do Noroeste da Península Ibérica se percibiría dentro dun conxunto europeo máis grande, aínda que desde a nosa perspectiva nós vexamos moitas partes e non ese conxunto. Cuestión das diferentes formas que temos de percibir e, certamente, desde o lonxe non se ve o mesmo que desde o cerca. Ós romanos igual lles pasou o mesmo, vían o conxunto desde a súa distancia, e non as partes, e por ese feito no Noroeste da Iberia primeiro vían gregos, logo seres fantásticos, e despois celtas, e máis tarde galaicos... Perspectiva romana de entón que parece coincidir con esa perspectiva “italiana” de hoxe.

Dito isto, tal vez o concepto celta fora un elemento semellantes a eses que nomeamos, co cal os pobos clásicos se foron enfrontando ó descoñecido, dunha forma xeral. Con esa denominación darían nome a unha realidade que non dominaban, pero coa que pouco a pouco entraron en contacto, e de aí que cada vez máis a denominación de celta fora dando paso a outros nomes de pobos e zonas máis concretas. 

En efecto, o coñecemento do mundo, como é natural, parte dunhas bases previas que se van aplicando ós novos campos e ás novas realidades que, deste xeito, se van comprendendo e explicando. O saber que hoxe posuímos é diferente do que existía no século XII, ou do que estaba presente na Grecia e Roma clásicas, por poñer uns exemplos. A base de partida non é a mesma e as explicacións das cousas, consecuentemente, tampouco o son. Iso si, aínda que os tempos e a forma de coñecer o mundo sexan distintos hai algo en común a tódalas épocas, e iso é a natureza humana, que caracteriza a forma de pensar e enfrontarse ás cousas de tódalas persoas (independentemente das diferencias xenéticas que nós queiramos ver). Para a xente existe un mundo coñecido: aquel no que todo ou case todo ten explicación, está organizado, as cousas son claras; pero tamén existen un mundo descoñecido: aquel do que case nada se sabe, no que existe o misterio, e pouco a pouco se intenta organizar e apropiar dentro da cosmovisión que ten a cultura que entra en contacto con esas novas cousas. Ese espacio descoñecido soe coincidir cos lugares que esa cultura pouco está en contacto.

 

«No parece necesario efectuar un profundo estudio previo para afirmar que el terrritorio ocupado directamente por el hombre es marcado por éste de un modo particular y distinto de su percepción de otros territorios o espacios que conoce pero no domina» (Llinares, 1990: 115).

 

Co pasado pasa algo similar, pois del non se fala o mesmo cando se coñece ou se teñen datos claros que cando os datos son máis vagos e oscuros.  A explicación deses espacios pouco coñecidos soe ser diferente da explicación que se dá dos lugares máis domésticos, dos espacios cotiás. As explicacións hipotéticas e imaxinarias teñen no campo do descoñecido unha maior utilización, fronte ás explicación máis dogmáticas e teórico-sociais, do espacio coñecido, doméstico e cercano. Canto máis se vai coñecendo un lugar maior soe ser o entendemento “real” e menor o “imaxinario e hipotético”. Esta forma de coñecer non só se produce entre dúas culturas, entre unha que consideremos de pensamento racional frente a outra con pensamento mítico, tamén se produce dentro dunha mesma sociedade ou nunha persoa. Na actualidade os nosos pensamentos das cousas e dos seres pouco coñecidos son semellantes ó que estamos a dicir, e así creamos hipóteses e prexuízos que, nalgúns casos, poden facer de entrada ó coñecemento. Deste xeito circulan entre nós moitas lendas urbanas, ou temas como os dos Ovnis, por exemplo, onde se crean moitas hipóteses par atentar explicar certos fenómenos que non somos capaces, polo de agora, de darlle unha explicación, ou dos que posuímos poucos datos.

Outro exemplo que nos mostra o que estamos a dicir vémolo na sociedade tradicional galega e a súa relación cos mouros, que lles servían para explicar certos lugares e actitudes. Esa era unha forma de apropiarse do espacio, dun espacio no que se observaban elementos que eles non podían explicar con certeza e para o que se creaban hipóteses e teorías que facían deses lugares un espacio máis coñecido. O imaxinario popular galego fálanos de todo iso (Llinares, 1990).

Como vemos, este xeito de pensar está presente en tódolos ámbitos da vida, e está presente en tódalas sociedades e culturas, de agora e de antes. O mundo grego e romano non foron unha excepción. No seu coñecemento do mundo daban explicación e hipóteses a aqueles lugares que se ían descubrindo, a aqueles límites do seu mundo que eran a fronteira con culturas e sociedades diferentes e ata entón descoñecidas. Para lograr a súa comprensión botouse man dos seus coñecementos e da imaxinación, coa que se plantexaron diversas hipóteses, e con elas íanse apropiando deses límites do mundo. Así podemos entender por qué aqueles autores clásicos situaban na periferia do seu mundo coñecido a seres e historias míticas, que pouco a pouco se ían substituíndo por outras teorías e explicacións máis acordes coa vida cotiá deses autores. O extremo peninsular, para aqueles gregos, viña sendo “o mesmo” que as mámoas (por exemplo) para os campesiños da sociedade tradicional galega: lugares e elementos difíciles de explicar e comprender desde a súa forma de entender a vida, lugares cos que non se recoñecían e que tiñan que ser lugares do Outro, ó igual que podemos pensar dese veciño que nos é tan misterioso e actitudes tan “raras” parece ter.

 

«Tanto os Ártabros como os habitantes das illas Cassitérides, que son nómades e pacíficos, parecen inscribirse dentro dunha Idade de Ouro, positiva (oposta ó salvaxismo posterior dos Montañeses do norte), cunha gran riqueza en productos preciosos, sobre todo metais. Tamén posúen certos rasgos especiais, como a vinculación co mundo feminino. Son concepcións típicas da época helenística, na que se desenvolven enormemente as utopías e as narracións sobre territorios e sociedades estrañas e marabillosas nos confíns do mundo» (Balboa, 1996: 80-81)

 

«A existencia destes promontorios e das montañas incide no papel do monte como elemento que marca configuracións espaciais específicas. No mundo grego, nas montañas hai pastos, son tamén zonas de caza, cumpren un papel importante nas guerras e nelas adoita haber santuarios de certos deuses. Os pobos autóctonos sitúanse do mesmo xeito nas montañas, ó igual que moitos personaxes míticos como Aquiles, Apolo ou os Cíclopes, que practican a transhumancia. En Grecia, as montañas eran espacios periféricos e salvaxes (nelas habitan os centauros e mailas esfixes); tamén son o lugar da violencia salvaxe, pois alí sitúase o non desexado. Por outra banda representan o pasado, os primeiros tempos da vida humana. Tamén foron o lugar da primeira vida dalgúns deuses, na nenez e na adolescencia. En terceiro termo, son un lugar apropiado para a alteridade, o estraño; o divino e o humano poden convivir, calquera pode atoparse con deuses, hai un colapso de distincións entre animais e homes producíndose un reverso das relacións, normas e comportamentos, como se manifesta na existencia das mulleres cazadoras ou amazonas.

(...).

Ademais das montañas outros elementos que marcan o carácter estraño e alleo das condicións naturais destas zona do extremo occidente son a rareza que manifestan o sol e o clima» (Balboa, 1996: 83)

 

Nestes textos apréciase que a forma de pensar dos gregos clásicos é moi semellante á da sociedade tradicional galega. E isto tamén é semellante, como vimos dicindo, á forma de pensar que teñen todas as persoas, onde a hipótese e a deducción das mesmas ten no coñecemento de cada un a súa base.

O achegamento dos autores clásicos ó coñecemento do noroeste hispánico foi gradual, pouco a pouco, desde o global e o estraño ata o concreto e coñecido en séculos posteriores. Desde a existencia de seres fantásticos e heroes gregos fundadores de cidades en Gallaecia ata os celtas e pobos galaicos despois. Iso debe ser tido en conta á hora de interpretar os seus textos e a realidade da que falan. Se facemos un percorrido desde os contactos que o mundo clásico ten con esta parte do noroeste peninsular vemos como o seu achegamento vai do gradual ata o concreto, desde a Iberia e Hispania, pasando polas diferentes provincias e conventos, para logo chegar a pobos máis concretos e unha poboación onde finalmente a diferencia predominante parece observarse entre pagáns e non pagáns. As diferentes orixes que se lle daban a eses pobos atopados nese lugar, como de estirpe celta ou descendentes de heroes gregos, puideron ser pasos intermedios no coñecemento do mesmo. Do xeral ó concreto, ata unha asimilación e adaptación onde as diferencias agora parecen observarse e fixarse entre o culto e o popular, máis que na denominación de pobos ou razas, que sería a forma de achegarse ás realidades que ata entón predominaría nese caso. De feito, se nun momento as descricións dos autores clásicos estaban mediatizadas pola percepción de dous mundos, os dos gregos e o dos bárbaros, co tempo chéganse a novas visións, como a unidade do ser humano ou a do “bo salvaxe” (Balboa, 1996: 61).

Se repasamos as investigacións dos historiadores galegos de época moderna e contemporánea veremos que a súa forma de coñecer é outro tanto do que estamos a dicir. Deste xeito, a partir do Renacemento a orixe dos nosos devanceiros búscase en pobos que virían da tradición clásica (Peña, 1999. Bermejo, 2007: 113 e ss.).

 

«Ata o pasado século inclusive, eses devanceiros eran normalmente os gregos, por seren xulgados como depositarios dun pasado nobre e culto... Será no século XIX, e por riba de todo na obra de M. Murguía, cando outra das figuras dos devanceiros, ou dos heroes fundadores, a dos celtas, adquira un privilexio non só notorio senón tamén excluínte, por riba de todos os demais heroes fundadores» (Bermejo, 2007: 114).

 

Percorreuse un camiño que nos trouxo ata onde estamos hoxe, onde a discusión sobre a orixe das xentes da Idade de Ferro en Galicia se atomizou entre teorías autoctonistas e outras que poñen unha maior énfase na influencia celta, ou na protocelta que na actualidade nos mostra a Teoría da Continuidade Paleolítica.

 

 

O poder dos Nomes e o Celtismo

 

Segundo o que estamos a dicir, podemos afirmar que a palabra celta foi usada para definir unha realidade exterior que, por ser o espacio do Outro, englobaba a todos aqueles que vivían en lugares que eran descoñecidos para as persoas que vivían no mundo romano.

Así é o camiño do coñecemento, que cada vez busca achegarse máis á particularidade, descubrindo cada día cousas novas. A necesidade de aprehensión do pasado pode levarnos a darlle nome e unha determinada perspectiva ó mesmo. Coa palabra celta, ou con outras, iso pódese conseguir.

 

«Neste proceso de aprehensión do outro, denominar é moi importante, pois os nomes amosan a realidade das cousas. Denominar é tamén unha forma de clasificación, de ordenación do espacio. A non importancia dos nomes implica a non importancia das cousas» (Balboa, 1996: 65)

 

Non cabe dúbida do “poder do celtismo” e a influencia que tivo e ten na sociedade. O celta fíxose cun sitio en Galicia, aínda que segue en movemento, buscando onde establecerse definitivamente, porque se comezou sendo unha raza ou cultura da Idade de Ferro, ultimamente só parece atopar un claro apoio na lingüística, aínda que máis que no celta, no protocelta, anterior á Idade de Ferro, segundo entendemos da TCP. É tal o poder do “celta” que ata chegou a arrinconar ó “indoeuropeo”, e podería arrinconar a outros nomes máis, no caso de existiren palabras que definiran pobos e xentes que por aquí andiveron. Pode ser ese o problema, a inexistencia de nomes cos que poidamos definir a uns “pobos” ou a unhas “culturas” que nos deixaron as súa pegadas antes da chegada da Idade de Ferro, e nos que buscar esas raíces que o “celta” ten baixo o seu dominio.

O celta foi o elixido en maior medida como elemento identitario na historiografía galega, onde se depositou a raíz da orixe galaica. Pero o seu predominio puido ser diferente de haber na cultura académica dos últimos séculos alguén que dera preeminencia e nome a algúns dos pobos anteriores á Idade de Ferro en Galicia, escribindo unha novela épica (por exemplo), forxando a imaxe dun pobo mítico capaz de facerlle frente ós “celtas”: puideron ser estes os Gravadores de Pedras, ou os Petroglifeiros... ou un nome un pouco máis afortunado que agora non se me ocorre. E antes deles puideron estar os Campaniformes, xente que posuía aqueles obxectos de cerámica tan raros e que tanto gustaban. Ou os Dolménicos, que movían grandes pedras para facer monumentos funerarios... Por poñer algúns exemplos. Pero non, non temos eses nomes nin ninguén da cultura académica que puidera realzar unha imaxe aínda máis pura (se é posible) dos pobos que ocuparon esta parte da península onde hoxe está o que chamamos provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Ós autores clásicos galegos tampouco se lle ocorreu dar nome a eses pobos anteriores, só podían crer na existencia de gregos e celtas. Sen embargo, mentres que a hipótese grega perdeu peso a medida que avanzaron a investigacións, a hipótese celta aínda se mantén, e pensamos que nese feito ten moito que ver o coñecemento que temos da sociedade grega mentres que existen moitas dúbidas e oscurantismos sobre a realidade celta que, aínda que non atope sitio, nunca morre, porque se transforma acollendo novos sentidos que logran adaptarse á nova realidade histórica que se propón desde o presente.

A cultura académica non é a única que fai investigacións e crea propostas de explicación. O pobo tamén crea interpretacións do seu entorno e usa nomes cos que se apropia do mesmo e lle dá sentido. Aí están denominacións como as de mouros, carlistas, xigantes.... pero ningún tivo a forza suficiente como para ser alguén dentro do pasado galaico. Ó contrario, tamén acaban asumidos pola denominación de “celta” que lle dá a TCP (Benozzo; Alinei, 2007). Tampouco é raro ese feito, porque o pobo nunca tivo a razón (Bermejo, 2007: 123-136).

O celta segue o seu deambular, cargado de connotacións políticas e ideolóxicas que son un lastre para a súa formulación. Aínda que habería que ver se esa formulación e conveniente. Ségueselle a buscar acoutación e límites para os celtas, existe unha necesidade de definir o celta, de entender a realidade que describiron moitos autores clásicos. É difícil deixar de lado un concepto tan arraigado na mentalidade da xente, e revestido de tanto sentimento, como tamén admitir unha definición da realidade que pareza poñer nun segundo plano o carácter celta. Así entendemos que se desboten propostas como a de cultura castrexa, aínda que esta denominación non teña por qué negar ó celta, e aquí entramos outra vez na cuestión dos nomes. Parece existir unha tendencia que vén da arqueoloxía prehistórica fronte a outras que están máis vinculadas ó mundo Antigo. Quizais por este feito a uns lles choque a definición de Cultura Castrexa e non a de pobos célticos, mentres a outros lles pasa o contrario. É de supoñer que nos chocaría chamar ós fenicios como Cultura Marítima (por inventarme un nome) ou mesmo ós romanos chamarlles Cultura Acueducta. Sen embargo, no mundo da prehistoria non é chocante oír falar de Cultura Megalítica. O celta e a cultura castrexa móstrannos un paso, un límite, o que existe entre o mundo da prehistoria, da protohistoria, e os inicios do mundo da Historia.

Son moi entendibles as diferentes posicións sobre eses termos. O de Cultura Castrexa está menos viciado, sendo máis aséptico e clarificador có termo de celta. O Celta non só é unha palabra con moitas e diferentes versións, moitas máis cás que pode haber frente ó termo de Cultura Castrexa, senón que tamén parece perderse no tempo, englobando todo aquilo que está antes do mundo romano, ata tal punto que ata se chega a conectar co mundo paleolítico (como nos di a TCP). Tal vez estamos perdendo a perspectiva, e imos tan atrás co protocelta que case nos achegamos ó nacemento do homo sapiens. Igual habería que empregar outro nome. Por que non o de Galaicos, eses pobos do noroeste ós que así denominan os romanos logo de coñecelos. Podería ser un nome de concordia. Galaicos, que para uns poden ser de orixe celta, e para outros non, que para uns podían falar unha lingua celta, e para outros non. Galaicos, os da cultura castrexa. Galaicos, por qué non?

 

 

Os celtas, entre o centro e a periferia

 

As búsquedas e explicacións para as dúbidas que se nos presentan soen rastrexarse naquilo que se desexa, ou polo menos naquilo que é diferente e está oposto ó que non se quere, ou do que se desexa escapar... Será por iso que miramos tanto para o norte?. Celebramos as invasións viquingas, pero non nos parecen interesar outro tipo de invasións, como as que nos chegaron do norte de África. É certo que igual se coñecen un pouco máis ós viquingos, pero non é porque non se teña coñecemento do Norte de África, senón que o momento no que vivimos e os estudios feitos potenciaron máis unha realidade cá outra. O Norte, tan desexado, onde a xente é de pelo e ollos claros; un dos típicos argumentos que tamén se esgrimen á hora de discutir a xenética da poboación galaica, emparentada cos celtas, que mira ó norte. Podemos ver estudios[5] que nos mostran a presenza de pelo claro en maior grao no Noroeste que noutras partes da Península. É este un novo motivo para argumentar en favor da tese celtista para algúns. Se atendemos a eses mapas vemos que tonalidade clara está centrada nos países nórdicos, e logo vai atenuándose cara o exterior, en círculos. No caso galego a porcentaxe é similar á que existe en Irlanda, aínda que a nosa experiencia nos faga pensar nunha maior diferencia. Pero os datos parecen claros. Emparéntanos iso cunha cultura e cun pasado similar a esas zonas do norte europeo? É posible. Pero parece tratarse máis de perspectivas, de puntos de vista. Se tomamos ó Norte de Europa como centro entón veremos como Galicia forma parte da periferia, e está nun escalón máis cercano a ese norte có que poden estar países que están máis ó Sur de Galicia. Do mesmo xeito, se tomamos ó sur como centro veremos que Galicia se atopa nun escalón máis cercano ó Sur cós países do Norte de Europa. Galicia está entre dous polos, e cos dous está en contacto. A aproximación a un ou outro extremo é cuestión de graos e desexos. En tempos fomos a periferia a onde chegaron os gregos, e agora a periferia ata onde chegan os celtas.

No caso dos mapas que atenden á presencia de ollos claros, os resultados non son tan clarificadores como o do pelo para os defensores da tese celtista baseada na xenética. Aínda que habería que preguntarse se ter o pelo ou os ollos claros é tan importante. Supoño que será tan importante como ter unha determinada forma de nariz, uns determinados trazos nas orellas ou unha estructura do pé determinada. É dicir, estudios dese tipo de rasgos, e non só os superficiais, poderían facerse de moitos xeitos e para gustos colores. Pero, sigo a preguntarme, é tan importante iso?. Si, poderiamos ter uns mapas das emigracións, tipos de razas, subrazas e o que queiramos... pero sería aplicable á cultura? Non o creo.

Seguimos na mesma, porque segundo a perspectiva que se tome priviléxiase unha determinada posición en contra doutras. E iso para agora, pasará no futuro e tamén sucedía en tempos pasados. O caso dos irlandeses é un exemplo, pois seica estaban gustosos na Idade Media de pertencer a descendentes continentais, vidos do Noroeste de Hispania. Será iso verdade, quen sabe, pero tamén podía ser unha forma de saír da súa insularidade e dependencia dos ingleses, cos que así se diferenciaban máis. Ou tamén unha forma de cristianizar o lugar, de feito, o Libro das Conquistas de Irlanda, foi unha creación de monxes irlandeses no século XII onde se describe «de forma coherente o pasado de Irlanda a través de diferentes oleadas de conquistas (e de paso cristianizalo na medida do posible)» (Radatz, 2004). Paradoxos da vida, se daquela se crean oleadas de conquistas co obxectivo de cristianizar, agora outros aluden a esas conquistas para xustificar e reivindicar unhas crenzas anteriores á cristianización, que sería a represora. ¡Se os monxes irlandeses levantaran a cabeza!. Cada un busca acomodo no que gusta, que ás veces pode coincidir co que realmente pasou, pero non sempre, e se non vexamos o caso de James Mcpherson (1736-1796) que publicou uns poemas gaélicos cos que os escoceses (os representantes da cultura oficial, para ser máis exactos) buscaron elementos de identidade nacional logo de seren aniquilados como estado, e «os antigos poemas gaélicos puideran revolucionar aquel tempo porque efectivamente eran un produto dese tempo. Toda aquela romántica gloria celta resultara unha mera falsificación. Pero a celtomanía xa non se detivo» (Radatz, 2004). E en Galicia tampouco, desde o Rexurdimento, onde o celta o cubre todo, desde a música ata os sentires, aínda que as relacións e afinidades que se buscan sexan producto do desexo, máis que da realidade (Radatz, 2004).

Irlanda escapa das illas e os galegos da península. Ou aínda máis, os celtas serían os substitutos de homes inferiores:

 

«El día en que las tribus célticas pusieron el pie en Galicia y se apoderaron del extenso territorio que componía la provincia gallega, á la cual dieron nombre, lengua, religión, costumbres, en una palabra, vida entera, ese día concluyó el poder de los hombres inferiores en nuestro país (Murguía 1981:21)» (Radatz, 2004).

 

O escape, que tanto usamos, e que hoxe tamén podemos facer en parques de atracción, ou festas temáticas, etc. Iso non quere dicir que lendas e outros relatos que falen dese tipo de emigracións non nos estea a indicar algún tipo de relación, como por exemplo a comercial. E isto pode ser interesante de analizar, porque son coñecidos os contactos do Noroeste Peninsular coas Illas Británicas en tempos prehistóricos, tal vez cun punto álxido na Idade de Bronce, e tamén na Idade de Ferro. Contactos nesa época que tamén houbo co mundo mediterráneo, e en maior medida do que se cre, ou tan importantes como os que houbo co Norte (González Ruibal, 2006-2007). Quizais sexa esa unha das razóns da creación das lendas nas que os irlandeses falan de que chegaron xentes de Hispania, como unha reminiscencia que quedou dese pasado de intercambios comerciais, e outro tanto puido pasar por estes lares, onde relatos como os do Apóstolo Santiago, que veu de Oriente, pode estarnos a falar das intensas e grandes relacións que en época Tardorromana e Altomedieval houbo entre o Próximo Oriente e as costas galegas, como nolo pon de manifesto a cantidade de material (sobre todo cerámico) procedente deses lugares[6], ó igual que ocorre noutras partes de España.

Buscamos puntos centrais, cando é posible que non os haxa, ou todos sexan puntos centrais e periferias. Buscamos trazos que demarquen culturas e aquelas que están na periferia dese contorno que limitamos dicimos que son periféricos. Aínda que habería que preguntarse periféricos de qué?. Pódese dicir que os castros do Bierzo están na periferia da Cultura Castrexa, tomando como centro da cultura castrexa o noroeste, aínda que habería que ver a qué lugar do noroeste lle poñemos a etiqueta de lugar central. Igual nos estamos equivocando na forma de percibir. Ou mellor dito, non é esa a única forma de entender a realidade. É posible que poidamos ver o Bierzo como un lugar central, o seu lugar central, onde hai unhas culturas a un e outro lado, e coas que están en contacto, e que lles aportan cousas á súa propia cultura. A cultura castrexa, os galaicos, son moitas cousas, que vemos con perspectivas de hoxe. Certamente, necesitamos poñer límites para poder percibir e entender a realidade. Outra cousa é que a realidade se corresponda co modo que nós a temos de percibir (ou queremos).

A romanización non só debeu afectar á xente no sentido de atoparse entre dúas culturas, a romana e a autóctona. Descoñecemos as diferenzas internas que habería entre os indíxenas, aínda que puideron resultar menores ante a presenza de algo máis estraño como a cultura romana. Ó final vai ser a chegada de Roma a que dá percepción de unidade á cultura galaica!. É fácil ver esa distancia entre romanos e indíxenas pero igual non estaría mal fixarnos noutras diferenzas, tanto nas existentes dentro da chamada cultura castrexa como na posterior influencia da romanización que seguramente produciu novas distincións entre uns e outros grupos (ou individuos) indíxenas. Puideron darse conflictos internos, reforzamento de identidades grupais e outras características potenciadas polos novos elementos culturais, que serían novos creadores de diferencias. Igual desde esta perspectiva podemos entender o reforzamento de murallas e outros elementos da cultura castrexa en época galaicorromana.

Volvendo á TCP e á súa argumentación sobre os inicios da presencia de celtas en Galicia, vemos que poñer límites é moi difícil en moitos casos, e este do celtismo é un deses casos. Os celtas existiron, si, pero como, cando e onde, son límites que ás veces están moito nas nosas mans e nos intereses que teñamos, na nosa forma de ver as cousas e desexar que sexan.

Como diría Radatz:

 

«Se Galicia ten de ser unha nación celta, non o será por xustificacións históricas, etnolóxicas ou lingüísticas verificables, senón no marco dun acto voluntario. A celtidade real da Galicia moderna radica nunha moi estendida identificación cos “decorados” da cultura celta; na enorme popularidade dos grupos celtas; na fascinación dos escritores por todo o celta. E esa celtidade non a censurarei como experto! (…). Conforme a esta definición, a teoría da celtidade galega, malia a súa insostibilidade dende o punto de vista científico, sería un válido elemento constitutivo da consciencia nacional galega. Logo de que “Galicia, nación celta” pareza insostible, a miña proposta de consenso rezaría “Galicia, nación celtófila!”». (Radatz, 2004)

 

 

Epílogo

 

Hai anos botaron un programa na televisión onde se trataba o problema do Ku Klux Klan en Estados Unidos. Nun momento do documental un rapaz de pel branca e pelo loiro insulta a outro de pel negra, dicíndolle que non era oriúndo de América, que aquela non era a súa terra, e que volvera para África. Chamoume a atención, porque tanto un coma outro podemos dicir que non son orixinarios de América, se por ese termo nos referimos a aquelas persoas que chegaron alí moitos séculos antes.

Imaxino unha situación semellante nalgún lugar do noroeste da Península Ibérica tempo atrás, onde un descendente dun “romano” podería ser insultado por unha persoa de “orixe celta”, que alí vivía, dicíndolle que se volvera para Roma, que aquela parte da Hispania non era a súa terra. Do mesmo xeito que pasaba no documental que citamos, poderiamos dicir que nin o romano nin o celta serían os oriúndos de Gallaecia, senón que estas terras xa estarían habitadas. Sen embargo, na actualidade, a sociedade diferencia claramente entre uns e outros. Do “romano” adoita pensarse e falarse sempre como o colonizador, o destructor de crenzas anteriores, que se ven como máis puras, e o constructor de novas crenzas que se ven como deturpadas mentres, o “celta”, aparece como o sustentador da “pureza da terra” e do valor (bondadoso e incorruptible) do ser humano. Desde outro punto de vista, e deixando de lado as diferencias da chegada desas persoas á zona que actualmente se denomina Galicia, o certo é que os dous viñeron de “fóra”, e os dous parece que “impuxeron” a súa forma de ver as cousas á poboación indíxena, a aqueles que estaban nese lugar antes ca eles.

Por qué esa diferenza de trato ante dúas persoas que veñen de fóra? Unha das razóns pode estar en que a súa aparición se fixo en momentos diferentes, e dunha forma máis marcada nun caso cá no outro, ou así o cremos hoxe. No que respecta ó “romano” a súa chegada está amplamente documentada, definida, existen as fronteiras, pódese medir, hai fontes e datos que o contrastan con bastante certeza, ou polo menos cunha claridade que pon de acordo nuns principios básicos a aqueles investigadores que os estudian, aínda que teñan posicións ideolóxicas diferentes. Pola contra, a chegada do “celta” e a definición deste termo é oscura, está en entredito, non é nada clara, ata o punto de que cando alguén fala de “celta” debe tentar explicar a qué se refire para que os oíntes saiban o que se tenta explicar e transmitir.

“Celta”, entre comiñas, si, porque é un caixón de sastre, porque a súa indefinición permítelle saír indemne dun xuízo que, moitas persoas do presente, fan das colonizacións do pasado, a pesar de que eles, os celtas, tamén deberon colonizar e rematar cunhas crenzas e unha forma de ser que había antes da súa presunta chegada. Unha indefinición do celta que fai que as persoas que se engloban nese concepto se transmuten e confundan coa orixinalidade, coa pureza e a autenticidade é, deste xeito, acollen o papel de salvadores e auxiliadores de moita xente que no presente de hoxe buscan unhas raíces fondas, un sustento da súa existencia e o seu devir. Esa incertidume que sobre os celtas existe fainos achegar á terra, á natureza, e dese xeito aparecen disimulados, camuflados e confundidos cos pobos anteriores.

“Romano”, entre comiñas, porque a palabra romano tamén ten moitas connotacións, moitas delas ligadas ó Imperio[7], pero no que hai razas, linguas, e crenzas diferentes. Sen embargo, sobre Roma e os romanos a visión non é tan bucólica como a que existe dos celtas. O seu dominio sobre a natureza e o contraste cos pobos anteriores marca unha liña que os fai representantes da colonización e da destrucción de formas de vida coas que entraron en contacto. Esa cultura, e as crenzas que conlevan (na que se incluirá o cristianismo), algunhas delas moi semellantes ou iguais ás que se impuxeron, parecen despegarse do mundo natural e aproximarse ó mundo cultural, ó mundo que está en mans do ser humano. A cultura romana parece marcar esa diferenza entre a natureza e a cultura, pois se antes deles os seres humanos dependían en grande medida dos caprichos da natureza, agora dáse un gran paso no seu dominio que, aínda sendo limitado, é moito máis có que existía ata entón. Esa diferenza está presente na forma de ver as cousas que hoxe temos, e iso inflúe na perspectiva que temos deses períodos. Será a similitude do mundo romano coa nosa vida a que nos empuxa a escapar deles e a refuxiarnos na “pureza” anterior?

 

 

Poio, ano 2008                                                                                                       VOLVER

 

 

 

Bibliografía:

BALBOA SALGADO, Antonio (1996): Galicia nas fontes clásicas. Biblioteca de divulgación. Serie Galicia. Universidade de Santiago de Compostela.

BENOZZO, Francesco; ALINEI, Mario (consultado en 2008): «A área galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa», en http://www.continuitas.com/benozzoalinei_areagallega.pdf. Tamén en A Trabe de Ouro nº 71, do ano 2007.

BERMEJO BARRERA, José Carlos (2007): ¿Para qué serve a Historia de Galicia?. Santiago de Compostela. Edicións Lóstrego.

DÍAZ SANTANA, Beatriz (2002): Os celtas en Galicia. Arqueoloxía e política na creación da identidade galega. Editorial Toxosoutos. Noia.

GONZÁLEZ GARCÍA, F. J. (Coord., 2007): Los pueblos de la Galicia céltica. Ediciones AKAL. Madrid.

GONZÁLEZ RUIBAL, Alfredo (2005): «Para qué sirven los celtas?» en Ruiz Zapatero, Gonzalo (coord.): «Un círculo de lectores: Miradas sobre los celtas del NO. de la Península Ibérica», en Complutum, 2005, Vol. 16, pp.181-184. En internet:

http://www.ucm.es/BUCM/revistas/ghi/11316993/articulos/CMPL0505110151A.PDF

GONZÁLEZ RUIBAL, Alfredo (2006-2007): Galaicos: poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica: (1200 a.C.-50 d.C). en Brigantium 18-19, 2 Vol. Museo Arqueolóxico e Histórico da  Coruña.

LLINARES GARCÍA, Mar (1990): Mouros, ánimas, demonios. El imaginario popular gallego.  Madrid. Akal Universitaria.

MERA, Manuel (2006): «Celtas e indentidade», en

http://vello.vieiros.com/ opinion/opinion.php?id=52982&Ed=1&cm=1

PEÑA SANTOS, Antonio de la (1999): «A historiografía tradicional sobre as orixes da cidade», en Peña Santos et alii: Historia de Vigo. Capítulo I. Vigo. Editorial Vía Láctea, pp. 10-40.

PEREIRA GONZÁLEZ, Fernando (2003): «Primeiras referencias aos celtas na historiografía galega», en Gallaecia nº 22. Universidade de Santiago de Compostela, pp. 441-469.

RADATZ, Hans-Ingo (2004): «”Galiza: unha das sete nacións celtas” – Canto de celta ten Galicia?», comunicación para o Día das Letras Galegas do ano 2004 en Heidelberg (http://user.uni-frankfurt.de/~hradatz/Radatz_Galicia_celta_galego.pdf). Tamén publicado en Galicien Magazin nº 16 (ano 2005), pp. 37-42.

ROEL, Xiao (consultado en 2008): «Presentación: A teoría da Continuidade Peleolítica e a busca da identidade», en http://www.continuitas.com/ benozzoalinei_areagallega. Pdf

RUIZ ZAPATERO, Gonzalo (2002): «Prólogo» en Díaz Santana, Beatriz: Os celtas en Galicia. Arqueoloxía e política na creación da identidade galega. Editorial Toxosoutos. Noia, pp. 7-11.

RUIZ ZAPATERO, Gonzalo (coord., 2005): «Un círculo de lectores: Miradas sobre los celtas del NO. de la Península Ibérica», en Complutum, 2005, Vol. 16, pp.151-208. En internet:

http://www.ucm.es/BUCM/revistas/ghi/11316993/articulos/CMPL0505110151A.PDF

VV.AA. (1999): Os celtas da Europa Atlántica. Actas do Iº Congreso galego sobre a Cultura Celta (Ferrol, agosto de 1997). Concello de Ferrol.



[1] Departamento de Historia I, Universidade de Santiago de Compostela. Desde aquí o meu agradecemento á profesora Mar Llinares polas súas suxerencias.

[2] «A área galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa». Este artigo, cunha presentación de Xiao Roel, pode verse en http://www.continuitas.com/benozzoalinei_areagallega.pdf. Sen a presentación está publicado en A Trabe de Ouro nº 71, do ano 2007.

[3] Véxase González Ruibal (2005).

[4] Certamente, na actualidade, cando se fala de relixión ou de crenzas no Noroeste Peninsular sóese falar desde un punto de vista “cristián”, pois sempre se parte da dicotomía na que aparece a relixión cristián, por un lado, e o mundo pagán, no outro lado. Esta forma de enfocar os estudios pode caer na uniformización dunhas crenzas do mundo pagán que son, ou poden ser (a falta de estudios), moi variadas. É dicir, que a dicotomía pagán-cristián pode ensombrecer crenzas anteriores ó cristianismo, que se meten nun mesmo saco, de aí que se poida caer en argumentacións pouco claras nas que se diga que un rito celta (ou doutro tipo) foi cristianizado, aparecendo a cristianización como elemento que adaptou crenzas anteriores, mentres que o rito celta se nos mostre como xenuíno. Neste caso deberíase observar a cristianización do mesmo xeito que a celtización, e se podemos dicir que houbo cristianizacións de lugares onde había cultos celtas ou prerromanos de determinada condición, tamén habería celtizacións ou outro tipo de adaptacións de crenzas anteriores a novas realidades “célticas” ou doutro tipo. Con isto poderiamos achegarnos un pouco máis (sendo bastante complicado), ou polo menos non perder de vista, a riqueza relixiosa ou de crenzas existentes anteriores á chegada de Roma, e que son pouco coñecidas.

[5] Pódense consultar estes mapas en http://www.eupedia.com/europe/maps_of_europe.shtml

[6] Moitos deles aínda en escavacións inéditas das moitas intervencións que nos últimos anos se están a desenvolver en Vigo, e que están a poñer de relevo a importancia dese lugar e os contactos con Oriente en época romana e altomedieval.

[7] «A época romana seguiu bastante desatendida (ata case fins do século XX) por recaer sobre Roma e o seu Imperio os prexuízos do «poder central», que pareceu asociar Roma con España e a conquista romana coa primeira derrota do pobo galego, seguindo o modelo narrativo de Murguía» (Bermejo, 2007: 23)

Hosted by www.Geocities.ws

1