|
Manifesto
por unha educación laica
A "Aula Castelao de Filosofía", unha asociación
constituída por profesionais de distintas ramas do saber, que traballan nos
eidos intelectual e docente por transformar Galiza nunha sociedade de cidadáns
libres e solidarios, na festa da ensinanza, asina e dá a coñecer este manifesto
reivindicativo.
Considerando:
Que o Estado, como reitoría política e xurídica da sociedade territorial, debe
proporcionar aos cidadáns, que o integran, os medios materiais e culturais aos
que eles teñen dereito.
Que as institucións relixiosas son entidades privadas, que teñen os seus
propios regulamentos xurídicos, os seus propios credos e corpos doutrinais, os
seus propios sistemas financeiros e os seus propios espacios, que en nada obrigan
aos cidadáns.
Que os poderes relixiosos non teñen dereito nin a violentar o ordenamento
xurídico do Estado para que se tipifique como delito as conductas que eles
teñen cualificadas como pecado, nin a inxerir no sistema educativo para que
inclúa a catequese no currículo escolar, nin a manipular o aparato
propagandístico para se podan amosar símbolos confesionais nos lugares
públicos, nin a posuír espacios de culto dentro dos edificios da Administración
do Estado.
En consecuencia esiximos:
1. Ás autoridades estatais, responsables do poder globalitario, que non
mesturen crenzas relixiosas, e por ende privadas e confesionais, con dereitos
civís, isto é, públicos e universais.
2. Ás autoridades relixiosas que non se constitúan en grupos de poder,
coactivamente externos á súa confesión, coa finalidade de forzar aos gobernos
para que mesturen e confundan os dereitos do Estado, comúns e públicos, cos seus
intereses particulares e privados.
3. Que o currículo escolar do sistema educativo estea integrado exclusivamente,
na parte correspondente á formación intelectual, por contidos avalados
obxectivamente, e na parte referente á socialización, por valores universais
que o enraícen no medio e contribúan a construír unha sociedade mundial de
pobos e cidadáns iguais e libres.
4. Que a ensinanza da relixión sexa eliminada do currículo escolar.
5. Que a Facenda Pública se desvencelle da xestión e fornecemento de medios
financeiros ás institucións relixiosas.
6. Que se derrogue inmediatamente o Concordato de 1979 entre o Estado español e
o Estado Vaticano.
Este manifesto foi aprobado por aclamación en Pontevedra, o día 27 de
xaneiro do ano 2005, na clausura das xornadas “Educación e Cidadanía” ,
organizadas pola Universidade de Vigo e a Aula Castelao de Filosofía
|