Un grupo de persoas decidimos xuntarnos un día do mes de novembro de 2002 para falarmos e debatermos sobre temas relativos á Xeografía. Estudantes, xente do ensino secundario e superior, recén licenciadas/os... Unha amalgama heteroxénea cun obxetivo común: a preocupación pola Xeografía galega, por facer dela unha ferramenta útil para a nosa sociedade.
Aínda que algúns membros deste colectivo fan parte das institucións educativas do País e participan das súas iniciativas oficiais, este camiño que comezamos a trillar ofrécenos un panorama ilusionante máis non excluínte. Formamos un colectivo aberto e plural con formulacións críticas á nosa disciplina e ao mundo actual. A colaboración inter-xeracional, o intercambio de ideas desde posicións vitais, laborais e ideolóxicas ben diferentes, a eliminación das xerarquías ou a abordaxe de temas non sempre confortábeis para a academia, son algunhas das bases sobre as que queremos asentar o noso futuro.
Como moitas outras disciplinas, o éxito da institucionalización da Xeografía foi acompañado dun proceso de domesticación, dunha servidume ao poder moito máis importante do que se poida pensar. Neste País onde a xeografía se atopa nun marco de desvalorización, marxinación e descoñecemento o noso obxectivo primordial é principiar un gran proceso de dignificación e dinamización a todos os niveis para darlle a importancia que merece. |